Vilalba Aberta propón unha Comisión de Seguimento da redacción do PXOM

No pasado Pleno Ordinario de Xaneiro, e coa única abstención de Vilalba Aberta, a Corporación Municipal de Vilalba aceptaba por unha ampla maioría que a empresa encargada da redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal (Eptisa) lle cedera ese cometido a outra, logo dun cambio de titularidade que implicaba que os novos responsables decidisen desprenderse da súa división de urbanismo. Eptisa acordaba, ademais, ceder a redacción do PXOM de Vilalba a unha firma composta polo persoal que formara parte do seu organigrama antes da súa venda a capital chinés.

Neste senso, e logo tamén da argumentación de que, polo menos, os traballos de planimetría xa realizados se aproveitarían; a aceptación maioritaria da cesión á nova empresa (Alfonso Botana) sitúan a ollos da asamblea de Vilalba Aberta tanto ao Concello de Vilalba coma á súa Corporación Municipal nunha máis ca dubidosa tesitura, tendo en consideración os máis de 15 anos que transcorreron dende que se iniciara o primixenio proxecto de redacción dun Plan  Xeral de Ordenación Municipal para Vilalba.

É por isto, que a formación entende coma urxente a fiscalización e control do procedemento de aprobación dun PXOM que consideran así mesmo clave, tanto para ordenar o territorio como para dar seguridade xurídica aos veciños/as, aos propietarios das fincas, aos de vivendas xa construídas e aos de posibles construcións futuras.

En palabras do seu voceiro, Modesto Renda, “Resulta innegable que a fiscalización municipal do procedemento de redacción é o mellor garante de cara a unha planificación racional e ordenada da construción destinada a uso residencial, á provisión suficiente de solos para os demais usos, á integración axeitada das parroquias, á protección eficiente da contorna con valores históricos, forestais ou paisaxísticos e, en suma, á desexada posta en marcha dunha rede consecuente de transporte público que nos conecte. En definitiva, o mellor garante de cara á aprobación efectiva dun Plan Xeral de Ordenación Municipal que deseñe a Vilalba futura partindo das necesidades detectadas en estudos técnicos, que conte co máximo consenso de todos os axentes implicados e asegure que o crecemento non vaia estar sometido a criterios individuais e/ou arbitrarios”, sentenciou.

Neste senso a iniciativa, que permitiría a fiscalización do traballo tanto da actual coma da anterior empresa redactora e que mantería a súa vixencia de levarse a cabo unha posible nova contratación co fin de exercer sobre posteriores traballos de redacción e tramitación administrativa. Con respecto á súa composición, seguiríase o mesmo criterio que para as comisións informativas e reuniríase ordinariamente unha vez ao mes e, de xeito extraordinario, tantas veces como sexa preciso en función da urxencia dos asuntos a tratar en cada momento. Na mesma liña, o seu obxectivo entenderíase cumprido no intre no que se aprobe definitivamente o PXOM e os seus membros renunciarían expresamente a calquera tipo de retribución que lles correspondera derivada da asistencia á mesma.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com