OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vilalba Aberta urxe ao PSOE a pór fin ao “caos” en materia de persoal no Concello

Vilalba Aberta volve pedir explicacións ao goberno en relación cos continuados atrasos administrativos no Concello. A formación municipalista reclama, así, por terceira vez no que vai de lexislatura, que se desbloquee a elaboración dunha R.P.T (Relación de Postos de Traballo) que – censuran – “segue exactamente no mesmo punto, dous anos e medio despois do cambio de goberno”.

O voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, asegurou que “existen moitas razóns polas que o goberno local debe desbloquear a RPT, entre elas, cubrir as vacantes, a redefinición de postos actualmente desfasados ou a cobertura de novas necesidades derivadas da lóxica evolución administración”.

“Dende Vilalba Aberta queremos que a veciñanza de vila e parroquias conte con todos os servizos que mantén cos seus impostos, polo que se deben superar as carencias causadas pola falta de persoal en intervención, urbanismo, administración xeral ou Policía Local entre outros”, explicou.

Renda, que vinculou necesidade de aprobar a R.P.T coa “desexable xestión pública de servizos municipais privatizados polo PP tales como o de limpeza nos colexios e instalacións municipais”, volveu denunciar a aposta do PSOE polo que cualificou de “modelo de xestión abertamente ineficaz”.

“A R.P.T é un instrumento organizativo que, máis alá de permitirlle ás administracións estruturar o persoal ao seu cargo, está pensada para facelo en función da necesidade dos servizos que teñan, o que abriría a porta á prestación directa de servizos actualmente privatizados e de aí tamén a nosa teima”, apuntou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com