" />

Vilalba e a Deputación colaborarán para crear un parque acuático na Madalena

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes coa Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, o convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega 682.149,60€ ao Concello para poñer en valor e ampliar as posibilidades de ocio da recreativa da Madalena coa creación dun parque acuático.

O mandatario provincial cumpre deste xeito co compromiso adquirido coa rexedora, co Concello e cos veciños e veciñas de Vilalba de achegar o 80% do financiamento necesario para acometer este proxecto. O Concello achega o 20% restante, 170.500€, polo que o investimento total ascende a 852.687€.

O acto de sinatura do convenio celebrouse na propia área da Madalena, coa presenza da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e concelleiros e concelleiras da Corporación municipal.

O Presidente subliñou que “a Deputación fai esforzo económico para colaborar co Concello de Vilalba neste proxecto. Estamos a falar dunha cantidade que supera a partida de medio millón de euros que este concello percibe da Deputación con cargo ó Plan Único neste ano 2021. Pero Vilalba, e esta iniciativa, ben merecen este esforzo”.

José Tomé enmarcou este acordo no compromiso da institución provincial de cooperar cos concellos: “Somos o Concello dos Concellos. Un concello grande que colabora cos concellos da provincia para que poidan ofrecer mellores servizos públicos ou acometer proxectos que non poderían levar adiante en solitario. Deste xeito, favorecemos o desenvolvemento equilibrado da nosa provincia”.

O proxecto do parque acuático na área recreativa da Madalena, asegurou o Presidente, nace “co desexo de ofrecer mellores servizos públicos aos vilalbeses e vilalbesas, e á veciñanza de toda a comarca da Terra Chá, pero ademais, esta actuación pode ter un importante efecto chamada á hora de promocionar Vilalba como destino turístico e de lecer, xa que ofrece unha proposta de ocio, de calidade, familiar, e en contacto coa natureza, que é o que máis se está a valorar na saída da pandemia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo