Visitas guiadas e xornadas no CENTRAD nos Días Europeos da Artesanía

A Deputada de Cultura participou este sábado no CENTRAD na xornada sobre vestimenta e folclore que organiza o Goberno da Deputación. Esta iniciativa está enmarcada dentro dos actos que promove o Executivo Provincial para conmemorar os Días Europeos da Artesanía. Pola mañá, tamén houbo un roteiro á colección de instrumentos musicais.

Nesta xornada participaron o investigador Isidoro Rodríguez, que falou sobre, Saber o que buscamos para poder atopalo: o Traxe Tradicional Galego, o músico Javier Feijoó ‘Xisco’: A danza en Galicia, os compoñentes de Traxandaina, Antonio Sanjurjo e Teresa Astorgano: Recollendo hoxe. Tamén interveu o músico Davide Salvado: con Coplas vestidas. Esta xornada rematou cunha visita á exposición Traxandaina: o traxe aldeán de garda nas Terras
de Lugo, que se exhibe na Capela de Santa María.

As actividades continúan mañá ás 18:00 horas, co Roteiro ao traxe aldeán de garda nas terras de Lugo. Unha exposición que acaba de recibir o selo do Ano Europeo do Patrimonio. O percorrido será dirixido polos integrantes de Traxandaina. A mostra contén 25 traxes compostos de prendas orixinais e reproducións que se complementan con ourivería e algunhas pezas singulares. As prendas expostas foron recollidas nas casas onde os seus antergos as vestiron e que, grazas aos coidados das súas familias, chegaron ata hoxe.

Trátase de pezas moi consideradas polas mulleres dado que eran as que se gardaban para lucir os días de feira, os domingos para ir á misa ou “dominguear” e que, como norma xeral, serían as mellores prendas que lucirían na súa vida. Poderán verse pezas como os mandís de mostra ou mostriles. Tamén hai mantelas ou lensas, que cobren a saia e que se atopan espalladas por toda a provincia. Refaixos bordados á man ou de tecidos coloristas de la, feitos á gancho, con material sobrante das colchas. Camisas de liño de cortes rectos para aproveitar os anchos do tear, cosidas riscando os pulsos, o peito, as costas e os ombreiros. Mantillóns de gala, mandís de traballo, panos de peito e de cabeza, toucas de pelo de cabra, mantóns de la, feitos no Val de San Lorenzo, coas mesmas técnicas e materiais que as mantas maragatas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com