" />

Viveiro reclama un reforzo de persoal no PAC e nas especialidades do Centro de Saúde

A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, veciños e persoal do centro de saúde e PAC viveirense concentráronse esta mañá diante deste edificio en protesta pola situación na que a Xunta de Galicia mantén a atención primaria pública neste municipio e para reclamar solucións xa. Pois, segundo afirmou a rexedora, o goberno galego do Partido Popular négase a reforzar o número de profesionais para urxencias ou especialidades como a de pediatría e nin tan sequera cubre as baixas médicas xustificadas por enfermidade ou vacacións. Todo isto en detrimento das 15.500 familias de Viveiro e das case 3.000 do Vicedo e Ourol cuxo Punto de Atención Continuada é o viveirense.

O feito de non cubrir as baixas médicas (houbo semanas con 3 médicos menos na quenda de mañá) supón que un veciño de Viveiro chegue a agardar ata 10 días por unha consulta, que os médicos atenden a máis de 55 persoas nunha soa mañá ou teñan a 2 pacientes á mesma hora con citas pechadas polo propio Sergas.

Pola tardes, hai tan só 3 médicos para consultas e as urxencias dos veciños de Viveiro (que son uns 15.500) e tamén para as do Vicedo e Ourol (outros 3.000), posto que o centro de saúde viveirense tamén é PAC. Os veciños levan tempo reclamando ao executivo autonómico que se reforce o persoal, pois cando hai urxencias a domicilio é imposible asumir o volume de traballo e polo tanto ofrecer unha atención sanitaria digna.

Outras das prestacións afectadas polos recortes do goberno galego do PP é a de pediatría, que pasou de contar con 2 profesionais a ter tan só 1. Un único pediatra é agora o responsable de atender aos 2.000 nenos de Viveiro, O Vicedo e Ourol. Isto supón unha longa espera para unha consulta ordinaria e con ela as familias teñen agardado 5 horas para poder ser atendido.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo