Xa estamos na campaña das Xerais do 20D

Esta noite, ás doce, coa tradicional pegada de carteis, votou a andar a campaña para as Eleccións Xerais. Populares e Socialistas, os dous partidos que se levan repartindo os escanos dende os primeiros comicios ao Congreso nesta provincia, teñen a posibilidade de repetir este escenario por mor da atomización  de candidaturas e so En Marea tería algunha posibilidade, aínda que reducida, de que entrara, por primeira vez, unha terceira forza no Congreso.

Á pegada do PP asistiu O portavoz do Grupo Popular no Senado e presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, quen asegurou que o seu partido é o único que ten un “proxecto claro e realizable e equipo con capacidade para gobernar”.

O líder dos populares lucenses asegurou que “somos un partido con experiencia contrastada, con coñecemento dos problemas e con capacidade para tomar as mellores decisións para España, aínda que algunhas sexan difíciles e pouco agradables”. Neste sentido, Barreiro subliñou que o que o PP pode ofrecer aos españois o próximo 20-D “é seguridade, experiencia política e vocación de traballo”.

José Manuel Barreiro explicou que o principal reto do PP para a próxima lexislatura é seguir creando emprego para “chegar aos 20 millóns de ocupados en 2020” porque “a creación de postos de traballo é a mellor forma de defender as políticas sociais”. Barreiro tamén fixo referencia ao desafío catalán e insistiu en que só o Partido Popular defenderá “a unidade de España, a soberanía nacional, a igualdade dos españois e a legalidade”.

Pola súa Banda os socialistas congregáronse para facer o ritual da pegada e saen co obxectivo de acadar o segundo deputado que perderon nas eleccións de 2011.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, chamou hoxe á “loita permanente” para recuperar os dereitos “que considerabamos absolutamente intocables” e que “o PP demostrou que catro anos son suficientes para laminalos”

Foron catro anos de “dura crise”, advertiu, que deron como resultado “unha sociedade máis desigual, nos que non todos saen á recuperación económica do mesmo xeito” logo do traballo destrutivo do PP e que obriga a “volver a conquistar e recuperar” uns dereitos “froito do traballo da maioría social deste país, que é a clase traballadora”.

O responsable socialista ofreceu un balance previo á campaña electoral na que, dixo, “saímos convencidos de que –haberá cambio- si se cumpren as expectativas de que a maioría dos cidadáns non queren que Rajoy sexa presidente catro anos máis”. Sinalou que a cidadanía “sabe que a única opción para que ese cambio se produza, a única alternativa, pasa polo PSOE”.

Pedro Sánchez será a única opción, sinalou, para garantir que se cumpra a vontade dese 65 por cento de españois que non queren que Rajoy e o PP continúen gobernando o país. Polo contrario, dixo, “hai outros partidos que afloran e que agora sabemos que van traballar para que Rajoy siga sendo presidente do goberno”.

Esta situación fai que, máis alá das “propostas lexítimas” de todos os partidos, a cidadanía “debe saber que o cambio político e a recuperación dos dereitos laminados polo PP pasan por Pedro Sánchez e polo PSOE”. Explicou que “a base do noso proxecto é precisamente a igualdade de oportunidades discutida e cercenada por unha dereita que veu facer caixa co pretexto da crise”, concluiu.

NOSCandidatura Galega iniciou hoxe en Lugo a campaña electoral cun acto simbólico no que  reivindicou “a necesidade de que Galiza conte cun grupo parlamentario propio no Congreso dos Deputados para defender os intereses deste país”. Olalla Rodil reivindicou a necesidade de mellorar, entre outras cousas, os servizos ferroviarios cara Lugo. Simbólicamente Nós – Candidatura Galega asadas na locomotora do castañeiro da Pza. Maior. “Arrancamos a campaña cun produto do país e co único tren que funciona en Lugo” dixo a candidata ao Congresol.

“A proposta de NÓS pasa por un modelo territorial e administrativo propio que recolla a situación xerada pola crise demográfica, que mancomune servizos en cooperación entre concellos, superando o marco da provincia. Eu son de Ribeira de Piquín e nada ten que ver iso coa Mariña lucense”, exemplificaba a cabeza de lista por Lugo. Nós – Candidatura Galega propón suprimir as institucións propias dun modelo de estado obsoleto, como as deputacións provinciais e as delegacións de goberno, e tamén os ministerios con materias transferidas, como Educación ou Sanidade.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com