Xogos tradicionais, rutas , formación audiovisual e arte urbana, novas alternativas de lecer en Lugo

A titular de Cultura e Xuventude no Concello deu a coñecer hoxe novas actividades gratuítas para este verán organizadas polo goberno local, dirixidas á mocidade e enmarcadas no programa +Xti, de prevención da drogodependencia.

Trátase, en primeiro lugar, de xogos tradicionais interxeracionais, como o xogo de bólas, buxainas, o xogo da rá, zancos, aro, carreiras de sacos ou o zorriago.  “É un modo de pór en valor e recuperar o patrimonio lúdico espallado por toda a xeografía galega ao tempo que se ofrece unha alternativa para que participen e interactúen nenos e nenas e maiores”, subliñou a edil.

As actividades arrincarán este domingo, 1 de xullo, no Parque de Rosalía de Castro e terán lugar todos os domingos ata o 12 de agosto, agás o 29 de xullo. Serán de 18:30 a 20:30 horas e recalarán nas prazas e parques da cidade. Xotramu e a Asociación Galega do Xogo Tradicional e Popular serán os encargados de pilotar estas novas actividades, cunha duración de dúas horas.

As rutas de sendeirismo na natureza son outras das alternativas. Serán un total de oito e comezarán o 9 de xullo, coa andaina As ribeiras altas, Miño arriba. O calendario de excursións continuará o 11, 16, e 18 de xullo; e o 13, 15, 27 e 29 de agosto. Para participar é preciso insciribirse no Servizo de Información Municipal 010 ou a través do 982-29-73-50, para os de fóra de Lugo.

O Concello tamén ofrece dous cursos de formación audiovisual; un de iniciación á curtometraxe, do 16 ao 26 de xullo, e outro de creación, do 30 de xullo ao 20 de agosto. Serán na Casa da Xuventude, e impartiranos Andrés Goteira e Suso López. As inscricións tamén deben formalizarse no 010.

Para as e os amantes da arte urbana, a entidade local ten preparado un taller de hip hop, que consta de 10 sesións, martes e xoves, das 10:00 ás 13:00 horas, do 17 de xullo ao 16 de agosto. Tamén hai unha actividade de grafitti, Lugo Mola, que será do día 30 de xullo ao 3 de agosto renovarase o mural da zona de street workout da zona do Parque de Rosalía, e do 4 ao 10 de agosto, o da Praza do Castiñeiro. Esta actividade tamén leva aparalleda a humanización dos espazos xuvenís, como a instalación de iluminación ou a renovación de elementos de xogo, como por exemplo, de aros de canastra.

O tenis de mesa, de luns a vernes, das 10:00 ás 13:00 horas, dende o 1 ao 29 de agosto, nas instalacións de tenis de mesa de Frigsa é outra actividade, que se suma ás anunciadas anteriormente polo Concello, como un taller de tatuaxe, outro para reparar móbiles, ou un obradoiro de comunicación, entre outros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo