Xosé Miranda recibiu hoxe o XXIII Premio de Poesía Afundación

Xosé Miranda, gañador do XXIII Premio de Poesía Afundación pola súa obra As torres abolidas, recibiu o seu recoñecemento hoxe, martes 16 de decembro, ás 19.00 h, no Centro Abanca Obra Social de Santiago de Compostela (praza de Cervantes, s/n), nunha gala na que tamén se presentou o poemario.

A este acto de celebración da poesía galega asistiron o director xerente de Afundación, Pedro Otero; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o presidente do Centro Pen Galicia, Luís González Tosar; e o gañador da XXIII edición do Premio de Poesía Afundación, Xosé Miranda.

O premio, convocado por Afundación, a Obra Social de Abanca, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Centro Pen de Galicia, foille outorgado a Miranda, entre as 44 obras inéditas presentadas, pola súa obra As torres abolidas. En palabras do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Míriam Ferradáns como secretaria, e integrado por Marica Campo, Manuel Figueiras Fernández e Modesto Fraga Moure como vogais, a obra gañadora presenta «un traballo poético cuxo tratamento da nosa mitoloxía, con lucidez e acerto, o eleva ao nivel das mitoloxías clásicas. O autor, inclinado polas formas clasicistas, nomeadamente recorrendo ao soneto, logra a musicalidade e a altura da palabra, cun emprego habelencioso da ferramenta literaria; a nosa lingua propia. Así mesmo, no caso deste poemario, debemos salientar o tratamento dos ecos histórico-literarios e a vontade de estilo».

O galardón, que implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 7000 euros, comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande, Oriana Méndez, Medos Romero, Ledicia Costas, Rafa Vilar e Miguel Rodríguez Monteavaro, gañador da anterior convocatoria.

Xosé Miranda Ruiz (Lugo, 1955). Licenciado Bioloxía pola USC, exerceu como profesor en diversos institutos da Coruña, Ourense e Lugo. Como poeta publicou Sonetosfera (1996), Amantes e viaxeiros (Premio Eusebio Lorenzo, 1996), Carozo azul (1997), Permiso para o corso (Premio Esquío, 1998), As cidades mergulladas. Poesía reunida 1973-2002 (2003), Capitán dos teus ollos (2005), e Piratas polo Miño (2006). Asemade conta cunha importante e extensa obra en prosa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com