A Xunta aposta pola mellora na capacidade de innovación das PEMES

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou a empresa lucense Comenza, no polígono industrial do Ceao en Lugo. Esta peme, creada no ano 2004 e especializada no deseño e desenvolvemento de sistemas de varandas de vidro e aceiro inoxidable para todo tipo de edificacións, vén de recibir unha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria no marco da convocatoria Innova Peme para o desenvolvemento do seu plan de innovación. Así mesmo, conta co apoio de GAIN para a contratación dun técnico dedicado a tarefas de I+D+i a través do programa Principia 2017.

A través da liña de axudas Innova Peme, orientada a mellorar a capacidade innovadora de pemes e micropemes galegas, Comenza valorizará os seus produtos e servizos innovadores, que xa son un referente a nivel internacional pola combinación de deseño, seguridade e facilidade de instalación; avaliar a viabilidade de novos produtos, como unha nova liña en madeira, material non usado neste sector pero con gran potencial polas súas características técnicas e estéticas; e mellorar os seus procesos a través da incorporación de tecnoloxías facilitadoras, como a Building Information Modelling (BIM), metodoloxía que centraliza toda a información do proxecto arquitectónico nun modelo de información dixital creado por todos os seus axentes, ou a Business Inteligence (BI), conxunto de estratexias que permiten transformar os datos existentes nunha empresa en información útil para a toma de decisións.

Para executar este plan de innovación, orzamentado en preto de 250.000 euros, contan cunha axuda da Xunta do 50% e a colaboración da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADEda Universidade de Santiago de Compostela. Ademais de Comenza, outras 48 empresas entre micropemes e pemes galegas resultaron beneficiarias desta convocatoria que ofrece a posibilidade de sistematizar, potenciar ou optimizar a súa actividade innovadora a través do lanzamento de novos produtos e servizos, a súa internacionalización ou a mellora dos procesos.

Entre os resultados desta convocatoria, que vén de adxudicar 4,7 millóns de euros, destaca que o 45% das empresas beneficiarias son pequenas, o 33% son micropemes e o 22% restante son medianas. Ademais, o 90% dos beneficiarios colaborarán con algún organismo de investigación público ou privado de Galicia; e máis da metade das beneficiarias non tiñan recibido anteriormente unha axuda de GAIN.

Pola súa banda, a través da segunda convocatoria do programa Principia, apoiouse a contratación de 210 mozas e mozos investigadores en empresas e centros de investigación galegos durante un período mínimo dun ano, co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos vinculados á I+D+i. Comenza recibiu apoio para a contratación dun técnicos de I+D+i a través desta liña de axudas que, en total, nas dúas edicións, permitiu a inserción laboral de preto de 300 investigadores e mobilizou 8,3 millóns de euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com