A Xunta de Voceiros acorda unha Declaración Institucional en defensa do Galego

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convocou este martes unha reunión da Xunta de Voceiros con carácter extraordinario co fin de abordar conxuntamente cos grupos políticos da Corporación a sentenza que anula parte da Ordenanza Reguladora do Uso do Galego na Administración Local de Lugo e as medidas a adoptar ante a resolución xudicial que, “respectamos”, recalcou a rexedora, “pero non compartimos”.

Deste xeito, ademais de informar ás forzas políticas da oposición de que o Concello presentará un recurso ante o Tribunal Supremo contra a sentenza do TSXG, na Xunta de Voceiros acordouse aprobar en Pleno unha Declaración Institucional en defensa da Lingua Galega e da ordenanza municipal que regula o seu uso, unha norma aprobada no 2012 por unanimidade da Corporación.

“Todos os voceiros coincidimos en que debemos defender o galego porque sufre unha discriminación con respecto ao outro idioma oficial, o castelán. Afortunadamente, somos unha comunidade con dous idiomas oficiais, pero non están os dous en igualdade de condicións. Do que se trata é de activar medidas correctivas para buscar a igualdade real”, subliñou a Alcaldesa.

Como datos reveladores do declive que sufre a lingua galega e da necesidade imprescindible de promocionar o uso deste elemento fundamental da cultura e o patrimonio do país, Lara Méndez subliñou que, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o número de persoas que fala sempre en galego ou máis galego que castelán pasou en dez anos do 74 ao 51% en Galicia, e do 76 ao 72% en Lugo; os nenos menores de 15 anos que falan galego caeron á metade nunha década en Galicia e en 8 puntos en Lugo; e a maioría dos galego falantes teñen máis de 50 anos, o que pon de manifesto “o envellecemento que sufre tamén a noso idioma”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com