A Xunta recibe o Premio Nacional de Innovación grazas ao carácter pioneiro do polo de avións non tripulados de Rozas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, recolleu onte en Alcalá de Henares (Madrid) o Premio Nacional de Innovación e de Deseño 2016 outorgado á Axencia Galega de Innovación (Gain) na modalidade de Compra Pública Innovadora polo proxecto de avións non tripulados de Rozas. Neste senso, sinalou Conde, que este galardón “supón un recoñecemento ao traballo en materia de innovación por parte da Xunta e ao carácter pioneiro deste polo tecnolóxico e industrial”.

Conde felicitou ao equipo de Gain por este recoñecemento, ao tempo que agradeceu á Secretaría de Estado de I+D+i a concesión deste premio e a súa colaboración, xunto ao Ministerio de Defensa a través do INTA, no polo de avións non tripulados de Rozas, unha iniciativa na que a Xunta conta con dous socios industriais (Indra e Inaer) e co tecido produtivo galego, a través de pemes, universidades e dos centros de coñecemento.

O obxectivo, para Francisco Conde, é “converter Rozas nunha iniciativa pioneira e que sexa sinónimo de innovación, competitividade e creación de emprego de calidade”. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria subliñou tamén a aposta da Xunta pola Compra Pública Innovadora para dar solucións en materia de innovación.

Conde lembrou que a Xunta xa levou a cabo, durante o período 2007-2013, proxectos de Compra Pública Innovadora por un investimento global de 120 millóns de euros. Agora, para o período 2014-2020, a administración autonómica está a desenvolver o programa sanitario Código 100 e o polo tecnolóxico e industrial de avións non tripulados de Rozas.

Para este último, tras consultar ao mercado e recibir ao redor de 150 ideas, das que o 70% corresponden a empresas e entidades galegas, a Xunta fará as primeiras sete licitacións de Compra Pública Innovadora para Rozas, centradas na xestión eficiente de tres ámbitos socioeconómicos estratéxicos para Galicia: os recursos acuáticos, o territorio e o control do espazo aéreo.

Imaxe: ©Casa de S.M. el Rey

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com