A Consellería de Facenda vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación do proxecto básico e de execución da nova Oficina de Emprego e Formación que se emprazará no barrio da Residencia da capital lucense. O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro salientou que, deste xeito, o Goberno galego cumpre o seu compromiso e “dá un importante paso no impulso deste amplo e ambicioso proxecto” de novas dotacións e servizos, clave para a cidade de Lugo.
Balseiro lembrou que a Xunta de Galicia busca a transformación integral dos espazos ocupados polo antigo complexo sanitario, para dotarlles de novos usos para a cidadanía, ao tempo que se logra eliminar barreiras e conectar o barrio da Residencia co centro da cidade.
A nova Oficina de Formación e Emprego busca emprazar nun único edifico instalacións hoxe dispersas: unha nova oficina de emprego, aulas para cursos de formación, espazos para ofrecer novas capacidades e oportunidades laborais para os veciños de Lugo. O edificio actual, que será remodelado na súa integridade, conta con cinco plantas (baixa, primeira, segunda, terceira e semisoto). Nas catro plantas situaranse os servizos de emprego e formación, mentres que no semisoto estarán os servizos comúns e unha sala de conferencias.
Segundo establece o anuncio publicado no DOG o prazo de execución do proxecto básico e de execución de obra é 4 meses desde a sinatura do contrato. E, a partir de mañá ábrese un prazo de 15 días para a presentación de ofertas polas distintas empresas interesadas en concorrer a esta licitación. Cómpre lembrar finalmente que esta actuación, orzamentada en 56.842 euros, súmase aos pasos xa dados para o Novo Centro Integral de Saúde, o primeiro que se porá en marcha en Galicia. A previsión da Xunta e que este proxecto, adxudicado por un importe de 114.829 euros, estea rematado no mes de maio.