A Xunta xestionou preto de 400 millóns de euros para o Agro galego

Na Xunta Directiva Provincial do PP que se celebra cada mes, e que estivo presidida pola presidenta desta formación política, Elena Candia,a que tamén asistiron, ademais dos integrantes da Xunta Directiva Provincial e de Ángeles Vázquez, alcaldes, voceiros e deputados provinciais e autonómicos, o delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, este último membro deste órgano directiva, a conselleira de Medio Rural, expuxo as políticas que está a levar o Goberno galego para impulsar o sector agrogandeiro. Concretamente, indicou que o “Goberno galego do Partido Popular xestionou nos cen primeiros días deste mandato un total de 393,5 millóns de euros con destino ao agro galego”. Estes fondos oriéntanse á consecución dos grandes obxectivos da Xunta para o medio rural, que pasan por fixar poboación e reducir a diferenza entre as rendas agrarias e as urbanas, procurando unha dinamización diversificada da súa economía.

Fondos para Lugo

Lugo, subliñaron,como provincia agrogandeira, “ten un peso fundamental no reparto provincial de fondos para o rural, en especial no ámbito da transformación de produtos agroalimentarios. Así, das 185 solicitudes recibidas este ano pola consellería para fomentar esta actividade, 48 son desta provincia, o que supón case o 26% de toda Galicia. Máis significativo aínda é o investimento previsto con estes proxectos, 63,5 millóns de euros que supón o 50% do total. Esta cuestión cobra importancia no ámbito lácteo, cun importante peso nas mencionadas axudas de 30,7 millóns de euros”, destacaron.

En relación coas achegas da PAC, en 2016 informouse que “un total de 12.400 gandeiros e agricultores da provincia de Lugo percibiron máis do 48% das axudas do primeiro piar en Galicia. Preto de 101 millóns de euros dos 208 totais. No caso do segundo piar, Lugo concentra o 64,5% do total de Galicia, é dicir, 20 dos 30 millóns de euros das axudas destinadas a agricultura ecolóxica, agroambiente e clima, e zonas de montaña ou con limitacións naturais”.

No eido do desenvolvemento rural, para o período 2014-2020 disponse dun orzamento do Leader para toda Galicia de 84 millóns de euros, dos cales, e de xeito inicial,” 24,2 millóns corresponden a Lugo, repartidos entre os 6 GDRs desta provincia, que abranguen a totalidade do territorio”.

En canto á remuda xeracional no agro, “o cambio de tendencia, no sentido de mirar para o rural como marco ideal para vivir e traballar, é imparable. Iniciouse a lexislatura aprobando 582 expedientes de persoas que queren investir na modernización das súas explotacións, das que 280 son da provincia de Lugo. Representan o 48% do total e percibiron máis de 16 millóns de euros dos case 36 postos a disposición do rural galego, o 45,3% do dato global da comunidade. Ademais, 618 mozos vanse incorporar laboralmente por primeira vez á vida rural. O 43% destes mozos, 268, pertencen a concellos da provincia luguesa e percibirán como apoio 9,8 millóns, o 40% do total para Galicia, 24,3 millóns de euros”.

Eucalipto

Co fin de poñer en valor a produción forestal de Galicia, en particular ao cultivo do eucalipto, “a Xunta traballa nun decreto específico que está a ser consensuado co sector. O que se pretende con esta norma é preservar a identidade forestal daquelas zonas nas que apenas hai eucalipto ou daquelas outras nas que esta especie ten escaso rendemento económico. Tamén, regular e limitar as novas plantacións deste xénero, buscando harmonizar o seu aproveitamento económico co coidado da diversidade e o medio ambiente”.

Trátase fundamentalmente de ordenar as repoboacións forestais con eucaliptos en zonas onde non hai tradición, buscando tamén acadar unha xestión sustentable das masas de frondosas caducifolias e controlar a expansión das especies forestais invasoras como é o caso das acacias e robinias. A norma é unha clara defensa da coexistencia de diferentes cultivos, rexeitando o monocultivo de calquera especie e moi especialmente do eucalipto.

Couza da pataca

Segundo se informou na xuntanza, “a Xunta e o Goberno de España traballan tamén no control da expansión da couza guatemalteca da pataca, que afecta 31 concellos da Mariña de Lugo, Ferrolterra e Ortegal. Neste senso, mañá mesmo está previsto que o Consello de Ministros aprobe un decreto para afondar nesta materia, que se fai a nivel nacional porque a praga está presente en varias comunidades autónomas”. A seguir, a Xunta publicará unha orde de axudas para os afectados e unha resolución para reforzar a coordinación nestes traballos, que xa se mantén tanto cos agricultores como con almacenistas e coas administracións implicadas, en especial os concellos. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com