O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe a primeira reunión co novo alcalde da Pastoriza, Darío Cabaneiro, centrada na seguridade viaria e os servizos sociais.
Na xuntanza, segundo informan dende a delegación, Cabaneiro interesouse por asuntos como os apoios do Goberno Galego para vías municipais que vertebran parroquias rurais ou a mellora da seguridade viaria nas estradas autonómicas ao seu paso polo concello.
Ao respecto, o delegado informou de que nos vindeiros días vanse acometer traballos de limpeza e acondicionamento das marxes. Este mesmo xoves comezarán na LU-120 (Vilalba-Paraxes), a próxima semana continuarán na LU-122 (Paraxes-Lourenzá) e rematarán na LU-125 (Bretoña-Lindín); a previsión é que estean finalizados a mediados de mes.
Na xuntanza tamén se abordaron medidas de reforzo dos servizos sociais, en especial, aqueles dirixidos á infancia e ás persoas maiores.