XuvenCiencia propón a docentes de ESO e BAC de Galicia unha actividade simultánea polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

As nenas empezan a crerse menos brillantes cós nenos xa a partir dos seis anos. Así o demostraba unha investigación das universidades de Princeton, Nova York e Illinois publicada na revista Science en 2017. Esta idea prende nelas, especialmente no que se refire ás disciplinas tecnolóxicas, e lastra as súas posibilidades de facer carreira no eido da ciencia.

Co obxecto de desmontar os estereotipos de xénero, o grupo XuvenCiencia, do campus de Lugo da USC, vén de propoñer unha actividade a máis de 200 docentes de ensino medio de toda Galicia co gallo do Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia, fixado pola ONU para a súa celebración o 11 de febreiro.

Esta programación, para o seu desenvolvemento nas aulas durante o todo o mes de febreiro, denomínase A ciencia como profesión e ten como destinatarios todos os profesores e profesoras que teñen participado no programa desde a súa orixe e está deseñada para a súa realización por mozos e mozas desde 3º de ESO a 2º de BAC. XuvenCiencia pretende artellar un mecanismo para a reflexión e a coeducación a partir desta proposta, para elaborar seguidamente un informe de avaliación dos resultados que se obteñan.

Con ‘A ciencia como profesión’, desde XuvenCiencia preténdese desmontar a idea de que a concepción errada sobre si mesmas lles xorde ás nenas porque si e sen ningún motivo aparente. Deste xeito, preténdese incidir en que a baixa autoestima que adoitan amosar as rapazas cara ás disciplinas científicas é consecuencia dun mundo arredor que lles lanza continuamente mensaxes, tamén erradas, que ditaminan que eles teñen máis capacidade intelectual e que os logros delas están máis asociados ao traballo duro e a que son máis sacrificadas.

A coordinadora de XuvenCiencia, a profesora de Química Física da USC Mercedes Novo, incide en que malia que a ciencia desminte os estereotipos de xénero, o certo é que a matrícula de rapazas nas enxeñarías anda en torno ao 25%, cando elas son a maior parte de toda a poboación universitaria. Hai moito tempo que as mulleres son maioría en disciplinas científicas que requiren un perfil asistencial (Medicina, Enfermaría, Veterinaria), así como en moitas das ciencias experimentais (Bioloxía, Ciencias Medioambientais…), pero no eido tecnolóxico, da Física ou as Matemáticas (STEM) aínda se mantén a fenda de xénero.

Os prexuízos de xénero están presentes de forma xeral, aínda que sexa de xeito inconsciente, en todos os estratos da sociedade, que teima en atribuílles ás nenas mellores capacidades para a educación, as ciencias sociais e as  humanidades e, aos nenos, para os números, a tecnoloxía, a informática, as ciencias experimentais e todas aquelas tarefas abstractas e técnicas.

As nenas e as mozas desenvolven ao longo da súa vida educativa falta de confianza en si mesmas para as tarefas científicas e matemáticas e ata ansiedade cara estes contidos do currículo. Estas condutas obsérvanse mesmo cando presentan un alto rendemento escolar. 

Diferentes estudos indican que a existencia de referentes femininos (desde unha profesora ata unha investigadora con certa notoriedade e mesmo unha personaxe de ficción nun rol de científica) lles axudan a superar os seus medos e seguir a súa verdadeira vocación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com