" />

Xuventude activa á mocidade lucense con propostas de ocio alternativo para o vindeiro semestre

Pilates, ioga, hipopresivos, zumba ou tenis de mesa. Son só algunhas das propostas coas que a área de Xuventude pretende activar á mocidade lucense. Durante o vindeiro semestre a rapazada de entre 14 e 35 anos poderá desfrutar de todas estas modalidades deportivas así como de moitas outras accións organizadas polo Concello para dinamizar o seu ocio dunha forma divertida pero tamén saudable.

A edil Ana González Abelleira daba a coñecer hoxe os obradoiros municipais, para os que, nesta mesma xornada, se abre o prazo de inscrición. “Boa parte dos cursos que convocamos obedecen ás peticións que recibimos por parte das persoas usuarias da Casa da Xuventude e guiándonos tamén do seu éxito en cada edición. Pero iso non quita que en 2020 apostemos igualmente por incorporar moitas outras novidades. Un bo exemplo é o taller de costura creativa que, este ano, dedicaremos á reciclaxe, customización e personalización da moda”, explicou a concelleira.

Entre as posibles opcións atópase igualmente a formación, neste caso de inglés, para acadar o nivel B1. Un curso que conta con 15 prazas dispoñibles e que se impartirá dende o 11 de febreiro ata o 18 de xuño, os martes e xoves, de 19:30 a 21:00 horas cun custo total de 19’68€.

“O resto de actividades non supera os 10 euros por semestre e outras moitas son gratuítas, nunha aposta decidida da área de Xuventude – destacou a súa responsable – por facer asequible e accesible a toda a sociedade esta  programación, pensada para as e os máis novos, e co fin tamén de fomentar a súa participación”, explicou a edil.

González Abelleira avanzou que nas próximas semanas achegará importantes sorpresas coas que Xuventude pretende ampliar a oferta lúdica para as e os adolescentes da cidade, non só durante os fines de semana senón tamén en datas sinaladas como o Entroido, San Valentín e o Día da Muller, “propiciando a conciliación familiar, descartando o aburrimento e pulando por unha socialización xuvenil sa e enriquecedora”.

“Por iso mesmo, estamos ultimando outras actividades cun cariz máis formativo encamiñadas a obter preparación en aspectos tan diversos como os primeiros auxilios, a linguaxe de signos, a seguridade viaria en vehículos de mobilidade  persoal ou como monitor de tempo libre sobre as que se trasladará máis información nas vindeiras semanas”.

“Para poder apuntarse ás mesmas as persoas interesadas deberán acudir á Casa da Xuventude onde tamén poderán obter máis datos sobre cada unha delas. A data máxima para facelo será o día anterior ao seu inicio no caso das de balde e ata o 7 de febreiro para as que haxa que abonar taxa”, referiu a edil ao tempo que lembrou que “continúan as asesorías xuvenís – tanto a xurídica (luns e mércores, de 19:30 a 21:00 horas) como a psicolóxica (martes e venres, de 18:00 a 20:00 horas) que o Concello ten en marcha no terceiro andar do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra”, concluíu Ana Abelleira.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo