O XVIII Premio Aresa é para a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que convocan a Universidade de Santiago de Compostela e Aresa, xa ten gañador. Esta edición é a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo polo seu destacado papel de formación e investigación no sector agrogandeiro e forestal. 

O xurado, integrado polo reitor da USC, Juan Viaño Rey; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o reitor da Universidade de León, Juan Francisco García Marín; o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Manuel López Luaces, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, reuniuse esta mañá para avaliar as catorce candidaturas presentadas e deu a coñecer o nome do galardoado nunha conferencia de prensa celebrada no vicerreitorado lucense.

A vencedora desta décimo oitava edición do Premio Aresa foi finalmente a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo. Seguindo as bases do concurso, os membros do xurado prestaron especial atención a aquelas candidaturas que xerasen postos de traballo de calidade no rural, que puxesen en valor os produtos da terra, que recuperasen subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e que buscasen innovar en produtos e métodos produtivos.

O vencedor foi elixido por unanimidade por cumprir con todos estes requisitos, pola longa traxectoria na formación de homes e mulleres que participaron cos seus coñecementos na mellora do mundo rural e polos proxectos de investigación que desenvolven nese mesmo senso. Os dous membros do xurado ligados á Universidade recoñeceron absterse na votación final para non influír na decisión.

Este recoñecemento chega xustamente no ano no que a Politécnica de Lugo cumpre o seu 50 aniversario e no que tamén foi recoñecida entre as mellores universidades españolas no ranking da Fundación BBVA, no ámbito da enxeñería agronómica e forestal.

O presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, agradeceu a todos os membros do xurado o seu traballo, especialmente a Juan Francisco García Marín e Manuel López Luaces, por aportar unha boa visión do sector e axudar a valorar da mellor maneira todos os proxectos concorrentes e destacou do premiado: “O valor desta escola na provincia de Lugo, un territorio no que os sectores agrícola, gandeiro e forestal xogan un papel transcendental en toda a nosa economía. Creo que é un premio moi acertado e moi merecido”.

A todos os méritos deste centro, Viaño Rey engadiu que “é ademais salientable o seu compromiso coa sociedade, xa que pon a disposición de particulares, empresas e institucións todo tipo de formación relacionada co medio rural”. A Escola Politécnica de Lugo será dotada con 10.000 euros e recibirá o seu diploma e os honores correspondentes nunha gala que ten previsto ter lugar o 16 de febreiro de 2017.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com