1-1 O CD Lugo empata no tempo de desconto

Gran partido do CD Lugo esta tarde na Romareda ante o Real Zaragoza. O cadro lucense enfrontabase aun rival veloz ao espazo e con pouca necesidade de posesión para facer ocasións de gol, legando os seus mellores achegamentos ao balón longo sobre Anxo e Xumetra. Era este último quen obrigaba a Jose Juan a intervir no primeiro achegamento con perigo.

A primeira metade encamiñábase cara a unha disputa intensa entre ambos os bandos, cun punto de inflexión claro no tanto de Joselu. Gol do punta tras balón cruzado que o colexiado decidía anular por fóra de xogo, moi rigoroso no seu ditame, e que impedía ao equipo de Luís César adiantarse no marcador. Un gran disparo de Campillo que rozaba o traveseiro local, e dúas acometidas zaragocistas ben resoltas por Ignasi Miquel e Seoane, servían de epitafio para un primeiro acto intenso ata o final.

A segunda metade non traería noticias positivas para un CD Lugo que pronto se vería por detrás no marcador. Perda da zaga visitante nas inmediacións da área, e resolución de Cani con calidade para cravar na escuadra o disparo da vantaxe. O conxunto lucense adiantaba liñas e situábase sobre campo rival para buscar o tanto da igualada canto antes.

Os de Luís César cercaban a liña ao redor da área rival, e froito desta estratexia, ían chegar as ocasións máis claras, entre elas, unha en botas de Marcelo que, de remate cruzado, poñía a proba a un Irureta salvador para os seus. Luís César decidía entón mover o banco, dando entrada a Pablo Caballero primeiro, e a Fede Vico despois, para reforzar as opcións de ataque dun equipo envorcado sobre a meta rival.

O partido entraba nunha fase complicada para ambos os conxuntos, un tramo de ida e volta no que o CD Lugo decidía poñer toda a carne no asador e buscar o empate asumindo todos os riscos posibles. Sucedíanse os achegamentos nun momento de alta esixencia para ambos os conxuntos, que, finalmente, tería a súa recompensa para o conxunto lucense, xa no tempo de desconto,  nun remate cruzado de Fede Vico que, con calidade e precisión, poñía o empate no marcador e dáballe ao Cd Lugo un punto e a mente posta xa no seguinte encontro, que será no Anxo Carro fronte ao Córdoba CF

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo