A Xunta impulsa as bibliotecas escolares co ‘Planbe’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou máis de 141.000 euros para impulsar o Plan de mellora de bibliotecas escolares “Planbe” en centros non universitarios lucenses sostidos con fondos públicos.

Beneficiáronse destas achegas autonómicas 75 colexios e institutos da provincia de Lugo que solicitaron o apoio da Xunta de Galicia neste curso 2017/2018. Ata o vindeiro sábado, 9 de xuño, permanece aberta a convocatoria que permitirá incorporar 25 novos centros de toda Galicia para o curso que vén.

Os apoios da Xunta son moi heteroxéneos e van destinados á adquisición de fondos bibliográficos, mobiliario e equipamento, así como a financiar outros gastos que poidan realizarse para transformar as habituais bibliotecas en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe.

Así por exemplo a través deste plan tamén se financian actividades de fomento da lectura e de educación, ou a implantación de medidas tecnolóxicas para a mellora do acceso e uso da información e para os proxectos lectores dos respectivos centros.

A contía dos apoios recibidos varía en función das sucesivas integracións de centros escolares nos plans de mellora das súas bibliotecas. Xa de cara ao presente curso tres novos centros acordaron adherirse a este convenio, dous deles na cidade de Lugo (CEIP Illa Verde e a Escola Oficial de Idiomas) e tamén o CEIP de Quiroga polo que recibiron achegas de 3.500 e 6.750 euros respectivamente, que distribuirá entre a adquisición de fondos, mobiliario e outras melloras.

Para a concesión destas axudas a consellería ten en conta as memorias de actividades levadas a cabo durante o último ano académico, así como as liñas prioritarias de actuación presentadas para o período 2017/18. Cabe salientar que, a igual puntuación para entrar no programa, a Consellería prima aos centros situados no rural.

De xeito complementario, Balseiro avanzou que a Xunta de Galicia ten investido no último ano preto de 85.000 euros en distintas obras de mellora en colexios e institutos de Sarria.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com