O Concello de Mondoñedo nomea a Darío Villanueva ‘Cunqueiriano Emeritus’

O Concello de Mondoñedo celebrou hoxe os actos de homenaxe ao escritor Álvaro Cunqueiro con motivo do aniversario do seu pasamento. No acto fíxose o nomeamento e entrega da distinción de Cunqueiriano Emeritus a Darío Villanueva, para quen a rexedora tivo palabras de especial agradecemento. “Para nós é un privilexio contar aquí co director da Real Academia Española”, indicou. A alcaldesa fixo extensible o seu agradecemento a todos e todas os que participaron nos actos de hoxe.

A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, explicou na súa intervención que este verán estará moi avanzada a obra e musealización da casa do escritor, que levará por nome ‘Casa Museo Álvaro Cunqueiro’. Ao mesmo tempo, anunciou que o equipo de Goberno vai empezar xa a traballar nos pregos do restaurante que se vai emprazar no edificio para que a súa explotación sexa efectiva no momento da apertura do museo.

A rexedora tamén deu conta da creación por parte do Goberno local dun premio literario, no que convidou a colaborar ao Concello de Vigo, así como ao impulso e reflote da Fundación Álvaro Cunqueiro, accións que, xunto coa musealización da casa do escritor, “serán as pedras angulares para a posta en valor da súa obra”.

O proxecto consiste na creación dun centro de interpretación denominado ‘Casa Museo Álvaro Cunqueiro’ no edificio de tres andares emprazado no solar número 13 na Praza da Catedral de Mondoñedo. O centro estará dedicado á figura e máis á obra do escritor mindoniense, quen habitou no edificio nos anos 40 e 50 do século XX e escribiu nel algunhas das súas obras máis importantes, entre elas Merlín e Familia (1955).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo