O Concello proporá a Xunta crear un viveiro de empresas nos locais da Tinería

A Xunta de Galicia anunciaba onte que seguiría adiante coa poxa dos 11 locais que ten baleiros no barrio da Tinería, unha decisión que xera “moitas dúbidas” tanto no goberno municipal de Lugo como na oposición. Así, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou esta mañá que enviará unha proposta á Xunta para que lles ceda estes locais en réxime de adquisición directa ou mediante un convenio de cesión de uso para poder dedicalos a un viveiro de empresas, xestionado polo CEI Nodus, o Centro de Empresas e Innovación do Concello.

Lara Méndez explicou que “os espazos públicos recuperados con fondos públicos non poden acabar en mans privadas” e reprochoulle ao ente autonómico que a esta poxa poida presentarse “quen queira, sen compromiso de negocio nin seguridade de que non se vaia especular”.  Asemade, a rexedora lembrou que a Asociación de Veciños e Comerciantes da Tinería xa anunciou na Mesa de Traballo para a Rehabilitación deste barrio o seu desacordo a esta decisión da Xunta.

“O Concello ten un obxectivo claro coa Tinería, que é o de dinamizala, polo barrio en si, polo senlleiro da zona, pola súa historia, e porque temos que promover todo o casco histórico”, asegurou Méndez, quen estivo acompañada da Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e o Voceiro Municipal, Miguel Fernández. Lara Méndez asegurou que “dá un paso á fronte ao plantexar a creación dun viveiro de empresas”, que “si permitiría impulsar de maneira controlada e eficaz” a dinamización social e económica da Tinería a través “dunha economía sostible e de valor engadido”, ademais de seguir fomentando “a diversificación e innovación do tecido empresarial lucense”.

Así mesmo, a iniciativa supón que “os inmobles rehabilitados con fondos públicos quedan en mans públicas” con garantía de continuidade e que se revalorice o investimento público da Xunta, pois, máis alá da venda directa dos locais, como mera actividade inmobiliaria, “dinamizarase o entorno do barrio, as súas rúas”, subliñou a Alcaldesa.

Lara Méndez, asemade, asegurou que, en caso de que fose preciso, o Concello “estaría disposto a ir a poxa”, eso sí, só podería pagar o valor de taxación destes locais co que, “iríamos á poxa sen éxito”.

Ante esto, o voceiro do BNG-AA, Rubén Arroxo, valorou como interesante a proposta do goberno local. Arroxo dixo que “está claro que o PP o único que quere é desfacerse dos locais por que nin saben que facer con eles, nin queren facer nada con eles” e engadiu que “dende a xestión municipal pódense impulsar iniciativas para que estes locais de titularidade pública poidan converterse en espazos para a creación de novas empresas ou iniciativas de autoemprego”. Arroxo lembrou que “o PP leva anos castigando a Lugo e ten moitas débedas con esta cidade, non sería entendible que o concello tivese que pagar por patrimonio que xa é público”. Para o BNG a Xunta debe de entregar os locais ao Concello a través dunha cesión e “en ningún caso o concello debe pagar por estes locais” que “é patrimonio de todos os lucenses e todas as galegas”.

A Xunta non será un obstáculo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou hai escasos minutos que a administración autonómica dá “o seu obxectivo por cumprido” tras lograr que a dinamización do barrio da Tinería, e as iniciativas de impulso social e comercial nesta zona, se teñan convertido nun asunto de plena actualidade e de máximo interese para colectivos e administracións en Lugo.

Balseiro afirmou que “a Xunta non será un obstáculo” tras o anuncio do Concello e só lamenta que a administración local “perdera tanto tempo en reaccionar”, xa que lembra, nos últimos anos convocáronse tres puxas, que quedaron desertas e que puideron ser aproveitadas desde o Goberno local para facer o que agora anuncian.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com