A Deputación e ABANCA asinaron esta mañá o acordo de renovación do Plan Activamos correspondente ao exercicio 2018. Grazas a este acordo, as empresas, as familias e as corporacións locais da provincia de Lugo disporán dunha nova partida de 21 millóns de euros en financiamento en condicións preferentes enfocado ao desenvolvemento socioeconómico.
A firma do acordo tivo lugar na sede da Deputación en Lugo, nun acto que contou coa presenza do presidente do organismo provincial, Darío Campos Conde, e o director de Negocio Institucional Galicia-Asturias-León de ABANCA, Lino Comesaña Calvo.
“Coa renovación desta colaboración, o que pretendemos dende a Deputación é dinamizar a economía da provincia, trátase dunha iniciativa coa que axudamos a que concellos e empresas poidan acceder a financiamento co que desenvolver proxectos que redunden na mellora da calidade de vida dos nosos veciños, que é o noso principal obxectivo”, explicou o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos.
“Un ano máis, as familias, as empresas e as corporacións locais da provincia de Lugo teñen á súa disposición unha ferramenta para mellorar os seus estándares de benestar e competitividade, en condicións preferentes e con diversas fórmulas deseñadas para adaptarse a usos específicos”, sinalou o director de Negocio Institucional Galicia-Asturias-León de ABANCA, Liño Comesaña.