A nova escola da ‘Galiña azul’ abre en setembro en Lugo

As obras de construción da nova e primeira escola infantil da rede autonómica A Galiña Azul, que xestionará o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar na cidade de Lugo, avanzan a bo ritmo, de tal xeito que o  centro – construído e equipado pola Fundación Amancio Ortega (FAO)- estará preparado para entrar en servizo no próximo mes de setembro, no inicio do curso 2018-2019, segundo as previsións.

Este novo recurso para facilitar a conciliación laboral e familiar, que estará situado nunha parcela cunha superficie total de 3.800 metros cadrados cedida polo Concello, na avenida Paulo Favio Máximo, é froito do convenio de colaboración a tres bandas asinado o 21 de abril de 2017 pola Fundación Amancio Ortega, polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e polo consistorio lucense.

O período de inscrición na nova escola infantil de Lugo, que ofertará un total de 82 prazas, está aberto dende o pasado 9 de marzo, de tal xeito que os pais e nais que desexen solicitar praza para os seus fillos nela deben facelo antes do 9 de abril, cando remata o prazo en todos os centros da rede A Galiña Azul.

Para realizar as inscricións deberán completar o formulario que atoparán no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 9 de marzo de 2018 ou nos anexos da “Resolución da Xerencia do Consorcio pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 anos para o curso 2018-2019”, á que poden acceder a través da  sección “Anuncios” da páxina web do Consorcio.

Os interesados deberán facer chegar eses formularios, xunto coa documentación que especifica a Resolución, á Xefatura Territorial de Lugo, na Ronda da Muralla, nº 70; entregalos en calquera rexistro da administración pública, dirixidos ao departamento de Escolas Infantís do Consorcio; envialos por correo ordinario certificado a ese mesmo departamento do ente de Política Social; ou ben completalos e envialos on line a través da sede electrónica da Xunta de Galicia -se contan coa documentación esixida para facelo-, tecleando no seu buscador o código BS404A.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com