O PP denuncia o abandono dos socialistas cos veciños de Fontiñas

O concelleiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Ángel Trabada, esixe ao goberno local que “escoite” as demandas dos veciños da Ronda das Fontiñas, que levan seis anos pedindo aos socialistas que fagan algo para solucionar os problemas derivados da maleza que “medra sen control” en varias fincas anexas e que xa invade as súas vivendas. O popular engade que nestes anos os veciños rexistraron 10 escritos no Concello para que o goberno local tome a iniciativa e solucione o problema.

Ángel Trabada explica que, pese a que as fincas son de titularidade privada, o goberno local ten que cumprir coas súas competencias e corrixir a situación que viven estes veciños de Fontiñas. O concelleiro popular di que hai un elevado risco de incendio, xa que hai moita maleza, polo que, en cumprimento da actualización da lexislación autonómica de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, corresponde aos concellos “acudindo á execución  subsidiaria de acordo co establecido no artigo 22 desta lei, sen prexuízo da instrución do correspondente expediente sancionador”.

O concelleiro popular asegura que, en cumprimento desta normativa, o goberno local ten a obriga de controlar a suciedade e instar aos propietarios das fincas a que as teñan nas condicións axeitadas e, se é preciso, actuar de xeito subsidiario para previr os incendios.

Ángel Trabada explica que a altura da maleza xa chega ata un quinto piso, polo que queda patente que o problema “non é de agora e que o Concello leva anos sen cumprir” as súas obrigas coa Lei e cos propios veciños de Lugo. Os problemas que teñen os veciños destes bloques de vivendas por mor da maleza chegan a tal extremo que un dos edificios non puido pintar parte da fachada xa que “a vexetación impediu que os pintores puideran facer o seu traballo”, sen contar cos danos que a vexetación produce nas paredes e nas fiestras. Ademais, os problemas sanitarios son evidentes xa que hai puntos que son “verdadeiros vertedoiros”, hai problemas con animais, “sen falar de novo do elevado risco de incendio”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo