O ‘Pico Sagro’ en Monforte

O xoves, 24, en Monforte de Lemos, ás 8 do serán, na Feira do Libro, vai ser presentado o libro PICO SAGRO, de Editorial Alvarellos, en acto no que intervirán Enrique Alvarellos, Miro Villar, Xosé Manuel Lobato e Xoán Xosé Fernández Abella.

É este un libro singular, pero Editorial Alvarellos tennos afeitos á publicación de libros singulares, tanto nas publicacións como na mesma concepción do labor editorial.

Nesta segunda etapa desta editorial de orixe lucense que este 2017 cumpre corenta anos  (foi fundada polo pai do actual editor, Enrique Alvarellos), vense especializando en publicacións que inciden en aspectos histórico-culturais, rescatando exemplares que merecen seguir tendo presencia activa na nosa sociedade, e afrontando iniciativas novedosas que son proba dun singular sentido da cultura do país, e do importante que para o país é recuperar e potenciar elementos da nosa cultura.

PICO SAGRO, ferido polo lóstrego e a lenda

Cuns modestos 533 metros sobre o nivel do mar, o Pico Sagro é a máxima altura do concello de Boqueixón, pero a historia e a lenda teno vencellado desde hai séculos con Santiago e o Camiño Xacobeo, e a súa estampa característica é símbolo para os peregrinos e a peregrinación, sendo case dogma de fe de que neste monte estivo a primeira sepultura do Apóstolo Santiago cando a Raíña Lupa propiciou o traslado dos restos desde a beiramar a un lugar onde puidera ser venerado polos seus devotos.

Henrique Alvarellos concebiu facer un libro definitivo sobre o Pico Sagro, en colaboración coa AA.CC. Mestre Manuel Gacio, e encargou o coidado da edición a Miro Villar (do Batallón Literario da Costa da Morte) e Xosé Manuel Lobato (oriundo de Boqueixón). Precisamente foi Xosé Manuel Lobato quen propuxo hai xa seis anos crear en Lestedo-Boqueixón esta Asociación cultural que leva o nome dun benquerido mestre daquela comarca.

Conforman este magnífico libro antolóxico algo máis dun cento de traballos sobre o Pico Sagro, a lenda e a historia, e un sinfín de elementos simbólicos sobre este especial símbolo. E xa que os textos éditos se mencionan de xeito cronolóxico, débese indicar que o primeiro que se inclúe é o de Marcial Valladares (Álbum de la Caridad), de 1862 e o último o do viveirense Emilio Xosé Insua (no seu blogue A ínsua do Insua) en 2016, reflectindo textos de autores tan singulares como Antonio López Ferreiro, Lamas Carvajal, Murguía, Ken Keirades, Risco, Otero Pedrayo, Lois Tobío, Paz Andrade, Cuevillas, Neira Vilas, Manuel María, Xosé Manuel Carballo, ou Castelao. O libro, precisamente, ábrese cunha foto de 1924, na que aparece Castelao nunha visita ao Pico Sagro, imaxe obtida polo mestre de Oca, Pedro Brei Guerra.

Entre os inéditos, os editores Villar e Lobato, Emma Pedreira, Heitor Picallo, Helena Villar Janeiro ou Xoán Xosé Fernández Abella.

Xan Muras é o autor da magnifica fotografía da capa, e a contracapa péchase cun deseño de Camilo Diaz Baliño, de 1923.

Un libro así é unha xoia para calquera biblioteca galega, e honra a autores, editores, e a unha Editorial que ten conseguido por dereito propio –por intelixencia e vontade- un lugar destacado no panorama editorial de Galicia.

Velaquí un dos traballos inéditos que este libro recolle: o do escritor monfortino Xoán Xosé Fernández Abella, que leerá na presentación deste libro na súa cidade natal:

 

Pico Sagro

Pico Sagro, Pico Sagro,

tesouro da nosa Terra,

sempre sinalando ó alto,

como as almas auténticas

queren o alto, o mellor,

a prol da Patria galega.

 

Nunca xamáis se consintan

os perigos das canteiras,

nin aeroxeneradores

que contra a túa fauna atentan,

e incluso contra a túa flora

e a túa beleza inmensa.

 

Para ti a protección

permanente e máis intensa.

 

Pico Sagro, Pico Sagro,

tesouro da nosa Terra,

e milagre dos milagres,

e das máis fermosas lendas!

 

Pico Sagro, Pico Sagro,

tesouro da nosa Terra!.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo