Portomeñe ve perigosa unha gasolinera na rotonda do Ceao

O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida amosou hoxe a súa preocupación pola concesión no mes de agosto dunha licenza para a ubicación dunha estación de servizo na rotonda da intersección entre a Avenida Benigno Rivera e a Avenida Infanta Elena, porque aumentará a inseguridade viaria e o caos circulatorio que actualmente xa se sufre nesta glorieta, sobre todo nas horas punta, debido á afluencia de traballadores e traballadoras do Polígono Industrial do Ceao, ademáis de ser zona de paso ao acceso á autovía. Non en van, a solicitude de licenza presentada pola empresa DISA PENÍNSULA SL, distribuidora de Shell, conta con catro informes desfavorables do Gabinete de Tráfico, cuxo ditame é preceptivo precisamente por atoparse no acceso a unha glorieta.

As conclusións do Xefe de Gabinete de Tráfico son inequívocas, establecendo que a actividade desta gasoliñeira na parcela indicada, cos accesos ás instalacións directamente a través da glorieta, non sería compatible coa fluidez e seguridade do tráfico.

“A xefatura de Tráfico ratificouse no seu ditame desfavorable ata catro veces, en abril e novembro de 2017 e febreiro de maio de 2018, tralas diferentes alegacións e documentación aportada polos promotores do proxecto, entre elas un informe contratado a unha empresa privada sobre a circulación da zona. Por isto cremos que convén que o goberno local revise seriamente a concesión desta licenza antes da construcción desta gasoliñeira, máis cando vimos da recente anulación da licenza da gasoliñeira do Carrefour polo TSXG por non cumprir a normativa de seguridade”, sinala Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

“Establecer os accesos directos de entrada e saída da gasoliñeira a través da rotonda (habería que proxectalos a través de vías de servizo ou carrís de incorporación) provocaría unha ralentización na circulación no momento que os usuarios pretendan acceder ás instalacións e tamén situacións de perigo pola incorporación directa dos vehículos de xeito perpendicular á propia rotonda”, explica literalmente o departamento de Tráfico, que indica ademais que “os accesos deberían contemplarse en forma de cuña, ou carrís de deceleración e incorporación como aconsella a normativa, tanto autonómica como estatal.”

Aínda que a titularidade das vías ás que afecta esta glorieta é municipal, e non existe normativa local que regule a ubicación das estacións de servizo, debe terse en conta que nin na normativa estatal nin autonómica, se contempla a posibilidade de autorizar accesos directos das estacións de servizo ás rotondas, que quedan prohibidos expresamente, debendo de facerse a través de ramais secundarios.

A glorieta en cuestión ten aínda máis tráfico que calquera de titularidade autonómica ou de Fomento en Lugo, como as da Rolda Norte ou Leste o a da Avenida de Madrid coa N-VI o nas da N-VI de Nadela ata a Avenida de Madrid. Se nestas rotondas non se pode colocar un acceso a unha estación de servizo, con moita máis razón non se dede poñer nunha glorieta cun tráfico tan elevado e moitos accidentes, pode dicirse que é a rotonda máis conflictiva do municipio. Pola súa complicación, as condicións deberían ser máis restritivas”, opina Portomeñe. “De feito, debido á intensidade circulatoria e ao alto número de accidentes que se rexistran nesta glorieta, o Concello de Lugo proxecta a transformación desta nunha turbo-rotonda, co obxectivo de mellorar e dar fluidez á circulación evitando ó mesmo tempo os accidentes por impactos laterais que a cotío se producen”, lembrou o concelleiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo