O PP esixe explicacións que xustifiquen os 97.000 € que custa a Dirección Xeral de Recursos Humanos

O Partido Popular agarda que “en aras á transparencia” todos os grupos políticos incluído o do goberno apoien a petición de comparecencia, en Comisión, da Directora Xeral de Recursos Humanos que se solicitou esta mañá. O voceiro dos populares explicou que o Grupo Popular “vese forzado a pedir explicacións directas da funcionaria que ocupa este cargo como consecuencia do oscurantismo e a falta de transparencia da que fai gala este goberno”. Ameijide detallou que “deron a calada por resposta a un escrito, con data do pasado 19 de outubro, no que se solicitaba o informe descriptivo do traballo realizado para a reorganización do persoal”.

Antonio Ameijide indicou que, tralas expectativas que se xeraron sobre as funcións deste cargo, á cal o goberno local enconmendou a reorganización da política de persoal do Concello de Lugo “é de recibo que coñezamos o que se fixo, neste eido, nos últimos 16 meses”.

O voceiro popular insiste en que o perfil da persoa que ocupa esta nova dirección persoal é un posto de carácter político poñendo en tea de xuizo “o gasto dos 97.000€ que levamos pagado por esta dirección xeral tomando como base máis de 72.000€ anuais consignados para este cargo. Dende que se creou non vemos avances na RPT, nin nas ofertas de emprego público, nin a provisión de postos de traballo mediante convocatoria de concursos, nin a elaboración de listas para cobertura interina, nin a creación dun portal del empregado público, a actualización dos regulamentos e convenios en materia de persoal así como un control e coordinación das productividades e gratificacións …”.

Ameijide aclarou que, na normativa vixente, se recoñece que “o persoal directivo estará suxeito a avaliación conforme aos criterios de eficacia e eficiencia, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que lles fosen fixados”.

Cargos “pola porta de atrás”

Noutro eido, o voceiro popular afirma que a deriva do goberno socialista repercutirá de forma directa na prestación de servizos que ofrece aos cidadáns. Os populares fan esta reflexión logo de coñecer que a alcaldesa decidiu nomear “pola porta de atrás ao secretario municipal, incluso antes de que se cumprisen os 15 días hábiles para que os interesados presentasen instancias”.

O voceiro popular cuestionou o feito de colocar neste posto a un funcionario da casa, sen a habilitación nacional, explicando que esta designación deixará ao descuberto o posto que ocupaba no servizo de urbanismo “un departamento con escaso persoal e onde hai problemas para sacar adiante o traballo en tempo e forma”, matizou o popular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo