O PSOE irá aos tribunais se o PP “segue a ocultar os mortos por infarto”

O Secretario Xeral do PSOE pola Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, xunto á Presidenta da Executiva Provincial Socialista e Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e ao Secretario de Sanidade, Miguel Fernández Méndez, avanzou esta mañá que o Partido Socialista está disposto a acudir aos tribunais se o Partido Popular dende a Xunta de Galicia segue a non facer públicos os datos do Rexistro Galego de Infarto (Regaliam) no que se ampara para non dotar ao HULA de Hemodinámica as 24 horas dos 365 días aos ano, facendo caso omiso a todos os informes científicos que acreditan a necesidade deste servizo na provincia lucense.

Santos Ramos explicou que este “ultimátum ao Partido Popular” ten lugar tras tres feitos clave por parte do Partido Socialista. O primeiro no que se centrou o secretario xeral foi na modificación, no seu momento do proxecto do Hula para incluir servizos que os populares non contemplaban. “Estando na presidencia da Xunta de Galicia, os socialistas modificaron o proxecto inicial do Hospital de Lugo para dotalo de servizos imprescindibles, que o Partido Popular xa non contempla para os lucenses

“O PP foi capaz de dicir que deixamos un hospital baleiro e sen servizos, sendo esta xa a primeira mentira do PP ao respecto do HULA e a primeira mostra do maior dos desprezos que o Partido Popular tiña previsto para os lucenses. Dende o PSOE deixamos, non só feito o hospital, senón 38 millóns no Orzamento de 2009 da Xunta de Galicia para o equipamento. Pero o Partido Popular decidiu paralizar a contratación do mesmo”, explicou.

Santos Ramos tamén destacou a presentación de 84 iniciativas que o PSOE levou ao Parlamento de Galicia esixindo a posta en marcha de servizos como a Hemodinámica 24 horas, a Radioterapia ou a Medicina Nuclear. “ Empregamos todas e cantas vías institucionais están ao noso alcance, chegando a rexistrar no Parlamento de Galicia, dende 2009 e ata onte mesmo, 84 iniciativas na defensa destas prestacións”.

“Tras ter presentado 25 iniciativas parlamentarios na defensa destas prestacións na nosa provincia dende 2009 e ata 2013, obtendo mentiras e un absoluto desprezo por parte do Partido Popular cara os lucenses; o noso traballo viuse fortemente reforzado co apoio dos propios veciños. A finais do 2013, máis de 41.000 lucenses se sumaron ás nosas reivindicacións, presentando unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) e esixindo a inmediata implantación destas prestaciónsno HULA. O Partido Popular non foi capaz nin de respectar á ILP co maior apoio na historia do Parlamento de Galicia, pois presentaron emendas á mesma, desvirtualizándoa”, asegurou Santos Ramos.

Como último feito dos socialistas ante o “desprezo” da Xunta, o secretario provincial asegurou que a súa agrupación leva presentadas tamén outras 14 iniciativas parlamentarias solicitando os datos do Rexistro Galego de Infarto (Regaliam), que o PP xerou no 2015 e no que se ampara para non dotar á provincia de Hemodinámica as 24 horas dos 365 días do ano. Santos Ramos lembrou que o PP fai “caso omiso” a todos os criterios científicos que avalan a necesidade de implantar esta prestación na provincia. Por exemplo, a Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) mantén que nunha área maior de 300.000 habitantes, como a da provincia de Lugo, deber existir unha Unidade de Críticos Cardiólogos, cardiólogos presentes as 24 horas dos 365 días ao ano, programas de anxioplastia primaria ou un proceso organizado de rehabilitación cardíaca multidisciplinar.

A única información que de xeito verbal facilitou o Partido Popular na primavera de 2016 foi un resumo dun informe do Regaliam (que nunca entregou aos grupos políticos no Parlamento nin publicou) con datos de xuño a decembro de 2015.

Sobre mortalidade, os últimos datos que se coñecen son dun estudo do INE do 2013, que apunta que a mortalidade por infarto de miocardio en Lugo duplica a media estatal. A taxa de mortalidade na provincia lucense é a maior de Galicia. Por cada 100.000 habitantes, hai 76 mortos en Lugo, 56 en Ourense, 46 na Coruña e 33 en Pontevedra.

Santos Ramos destacou que “ao Partido Socialista na Provincia de Lugo acabóuselle a paciencia. Imos a facer un esforzo máis por conseguir que todos os lucenses saiban os datos reais de mortalidade, de tempo de atención, de morbilidade… dos pacientes que sofren un infarto na nosa provincia e son tratados en Lugo en horario de oficina ou son trasladados a outros hospitais. Se no prazo legal dun mes non nos contestan e facilitan esta información, acudiremos ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a un procedemento de defensa dos dereitos fundamentais para que cumpran coa obriga de información e de transparencia que teñen todos os cidadáns a través dos seus representantes no Parlamento. Non descartamos calquera outra vía. Non imos a consentir que segan enganando, conscientemente, aos veciños e veciñas da provincia de Lugo”, asegurou Santos Ramos.

Pola súa banda, Méndez López destacou que “as citas do PP e de Feijóo en Lugo, por desgraza, xa se compren por mandatos e por aniversarios. Son 7 anos de incumprimentos de Hemodinámica as 24 horas, 10 anos de incumprimento do Museo da Romanización, 19 anos de incumprimento do Plan Paradai, 9 anos de incumprimento da Intermodal, 8 anos de incumprimento da rehabilitación do Barrio da Residencia, 40 anos sen unha residencia da terceira idade….por desgraza temos que facer cumpreanos dos  incumprimentos da Xunta do PP. Ao Partido Popular lle pesa máis o código postal que o código ético”.

“Despois de 7 anos de incumprimento por parte do PP e de Feijóo, non tendo no HULA o servizo de Hemodinámica as 24 horas dos 365 días que se require, rematamos a vía institucional e pacífica”, concluiu o Secretario Xeral.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo