1-0 Vitoria do CD Lugo ante o Raio Vallecano

Gran partido dos de Luís César o desta tarde na Anxo Carro. O partido enfrontaba ao CD Lugo ante o Raio Vallecano e eran os locais os que arrincaban o encontro buscando con insistencia a meta de Gazzaniga, cercando ao rival sobre a súa propia área en rápidas accións por ambas as bandas. Joselu, Clavera e Pedraza probaban fortuna nun arranque moi interesante dos lucenses.

A primeira parte ofrecía un claro manexo de balón por parte do Lugo e Campillo foi o primeiro que estivo a punto de inaugurar o marcador cun remate raso que se topaba coa zaga madrileña antes de chegar a meta. Con mellor disposición que o seu rival, manexo do tempo de partido, e ocupación óptima dos espazos, os locais mandaban nun choque no que o Raio tentaba entrar a través de Trashorras por carril interior.

O momento dos de Luís César chegaba nunha xogada de Fernando Seoane que remataba xunto ao poste, para facer inútil calquera intento de parada por parte do meta rival.

Coa vantaxe no marcador o CD Lugo era o dono do partido con toda claridade. Eficaz en labores defensivos, e ameazador en cada un dos seus achegamentos á portería, buscou con afán o segundo da tarde en brillantes accións de desborde, con dúas claras ocasións, para Pedraza e Ignasi Miquel, que a punto estiveron de cristalizar no segundo gol da tarde.

Xa na segunada parte os locais mantiñan as grandes sensacións no xogo. Lonxe de acomodarse, o equipo metíalle unha marcha máis á intensidade de circulación, e mantiña a esixencia sobre un Raio que non terminaba de atopar a súa conexión entre liña medular e os seus homes de ataque.

Os de Luís César gozaban das mellores ocasións na segunda metade, practicando un gran fútbol combinativo, e que obrigaba ao Raio ao achique home a home para perseguir un erro en circulación, que permitise a saída á contra.

O Raio ía producir algúns dos seus mellores achegamentos, como a ocasión do recentemente ingresado Miku, que á media volta, e de duro disparo, probaba os reflexos dun José Juan de novo salvador baixo paus.

No tramo final, Ignasi Miquel, vía o cartón vermello directo tras unha falta sobre Manucho, e deixaba ao CD Lugo con dez, pero pese ao contratempo, os homes de Luís César finiquitaban un encontro que devolvían á senda do triunfo aos locais, logo de cinco xornadas sen gañar.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com