" />

109 positivos en 24 horas elevan as cifras da pandemia ata un total de 1361 infeccións activas na provincia de Lugo

A pandemia da Covid 19 continúa a afectar enormemente á nosa provincia. Nas últimas cifras presentadas polo Sergas e recollidas ata as 18.00 horas do día de onte, revelan un novo aumento no número de casos e de contaxios. 

Así, nas últimas 24 horas rexistraronse 109 positivos novos na provincia. Unha cifra que eleva as infeccións activas ata as 1361, superando xa as cifras máis altas de novembro, na segunda vaga. 

Asemade, estes aumentos volven verse reflexados na presión asistencial. No día de hoxe a provincia conta con 39 persoas ingresadas por coronavirus en plantas de hospitalización, así como con 9 persoas na UCI do HULA, un máis que no día de onte.

Por Hospitais, o Lucus Augusti conta con 19 pacientes Covid en planta, o que supón 3 persoas máis que na xornada anterior; o Hospital da Costa rebaixa nun paciente esta ocupación e suma 18 casos covid en plantas de hospitalización. Pola súa banda, o Hospital de Monforte mantense en cifras baixas con 2 persoas infectadas de covid.

Asemade, no día de hoxe hai que lamentar un novo falecemento na provincia. A vítima 166 do virus era un home de 95 anos que permanecía ingresado no HULA procedente da residencia da Pastoriza.

Por último, no tocante á incidencia acumulada por Concellos. Hoxe os municipios de Vilalba e Láncara volven superar os 500 casos por cada 100 mil habitantes, nunha incidencia a 14 días. Así, segundo o Sergas, xa son dez os Concellos que superan o medio millar na nosa provincia. 

Os concellos que peores datos están a arroxar nestes momentos son Xove e A Pastoriza que rexistran 2.685 casos por cada cen mil habitantes no primeiro municipio e 2.261 no segundo deles. Con todo outros tres concellos superan os 1000 casos por cada cen mil habitantes a catorce días. Trátase de Viveiro, Quiroga e O Vicedo con 1.734, 1.072 e 1.630 respectivamente.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo