221 días de espera pola licenza para un ascensor

O Concello de Lugo tarda unha media de 221 días en concender a licenza para poñer un ascensor. Así o denunciaba esta mañá o Partido Popular tras analizar os prazos das 24 licenzas que se tramitaron este ano e pide un maior esforzo municipal neste asunto.

O vicevoceiro popular Antonio Ameijide explicou que “tan só se concedeu unha única licenza dentro do prazo estipulado que é de tres meses a contar dende que se presenta a solicitude”. Os afortunados foron os
veciños dun inmoble da Avenida da Coruña, moita menos sorte tiveron os veciños dun edificio da rúa Saúde onde este trámite retrasouse ata 614 días. “Ese é o esforzo que fai o concello para revitalizar o barrio da Residencia”  reflexionaba o popular, non só entorpece ás licenzas de obras da Xunta de Galicia no barrio senon que tampouco resolve as dos particulares.

Para os populares é necesario axilizar este tipo de xestións. Ameijide agarda que o responsable de urbanismo “non utilice a mesma estratexia da alcaldesa e se queixe de que as tramitacións van lentas por culpa dos promotores, doutras administracións ou de ex compañeiros do PSOE”. “No caso dos ascensores é só competencia municipal con que póñanse a traballar e sexan unha administración modelo”.

Os populares insisten en que hai que reducir a burocracia neste tipo de solicitudes xa que “hai casos onde, por carecer dun ascensor, un piso pode chegar a ser un cárcere para o seu propietario ou inquilino” en alusión a cidadáns que teñen problemas de mobilidade.

“É incomprensible que unha vez que se acada o acordo da comunidade para facer a obra do elevador o Concello sexa o principal escollo para executar a obra”. Ameijide rematou explicando que “o volumen de negocio xerado polas obras dos 25 ascensores concedidos ascende a case un millón de euros e que a inversión media estimada para facer estas obras alcanza os 40.000 euros”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo