23 anos de cárcere a un home que violou e maltratou á súa muller en Lugo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmou a pena de 23 anos e dez meses de cárcere e dez anos de liberdade vixiada para un acusado de maltratar a súa muller e violala en Lugo. O alto tribunal rexeitou os recursos interpostos pola defensa do procesado e pola acusación particular e confirmou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo. A resolución considera acreditado que o condenado violou en dúas ocasións á súa muller, á que esixía cartos para comprar droga. Ademais, o tribunal relata que a sometía “a continuos episodios de violencia” e que a ameazaba con facerlle dano ás súas dúas fillas, non deixalas saír e “matalos a todos”. O tribunal considerouno culpable de delitos de malos tratos habituais, agresión sexual, lesións leves e coaccións.

Nunha ocasión, segundo a sentenza de instancia, agrediu a súa filla maior, á que chegou a arrincar un guecho de pelo cando trataba de defender a súa nai. O sospeitoso tamén foi penado coa prohibición de comunicarse e aproximarse á vítima durante 26 anos e, ás súas fillas, durante catro e tres anos, respectivamente.

“Non cabe dúbida de que existe abundante proba que corrobora a realidade dos feitos sen que sexa preciso traer a colación máis proba da que xa foi valorada e que, en calquera caso, sería a defensa a que tería que mostrar elementos que permitisen descartar a versión ofrecida pola vítima e soportada por outros elementos  probatorios”, indica o TSXG na sentenza, na que destaca a presenza de “restos físicos” que a violencia empregada polo procesado deixou sobre o corpo da vítima, así como de restos biolóxicos demostrativos da relación sexual.

En canto ás alegacións da acusación particular, o tribunal rexeita o castigo das ameazas proferidas “por integrarse dentro da situación creada polo acusado que foi constitutiva dun delito de malos tratos habituais”. Así, explica que resulta aplicable “o principio de absorción, de tal modo que a situación de medo e inseguridade que as ameazas provocaron se matrializaron nos malos tratos”

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo