24 dos 27 alcaldes do Psoe da provincia apoian ao grupo socialista na Deputación

O Grupo Provincial Socialista da Deputación de Lugo ven de agradecer publicamente aos Alcaldes da provincia o “seu incondicional e máis firme apoio”, que 24 dos 27 rexedores do PSOE que en total hai na provincia, pois o de Becerreá xa non o é ao estar expulsado provisionalmente do partido, tal e como o resolveu esta semana a Comisión Executiva Federal, quixeron brindar por iniciativa propia aos 10 Deputados socialistas a través dun manifesto. Fixérono “para deixar claro que non hai ningún tipo de división no PSOE de Lugo e zanxar xa este debate. A ninguén lle gusta a situación na que se atopa Martínez, pero hai uns feitos gravísimos que son incuestionables, e ante os cales o partido, cos seus Estatutos, ten que actuar. As normas son para todos, tanto para os militantes recen chegados, como para os que levan 20, 30, 40 ou 50 anos. Non hai excepcións”. Así o destacou Darío Campos Conde.

O manifesto é de 24 Alcaldes do PSOE, todos agás Castroverde, Navia de Suarna e O Incio, cuxa Alcaldesa quixo aclarar que non o facía “por non entrar en conflito algún, non porque non lle dea o seu apoio ao grupo”. Campos Conde quixo remarcar que “non hai, nin haberá, ningún problema cos Alcaldes que non o asinaron. Enténdoos. Esta non é unha situación agradable para ninguén do partido”, remarcou Campos Conde.

A continuación publícamos o  Manifesto dos Alcaldes:

Os Alcaldes socialistas da provincia de Lugo manifestaron aos 10 Deputados do Grupo Provincial Socialista o seguinte: “1.- O noso incondicional apoio ó Presidente da Deputación, ó socialista e compañeiro Darío Campos Conde. 2.- O noso incondicional apoio ó Grupo Provincial Socialista na Deputación de Lugo, ós seus 10 Deputados socialistas e compañeiros que o integran. 3.- O noso incondicional e máis firme apoio a todas as decisións do Presidente e dos nosos compañeiros no Grupo Provincial Socialista dende o pasado 24 de xuño e durante todo o mandato actual na Deputación (2015-2019) para garantir a continuidade do goberno de progreso no organismo provincial que ratificaron os nosos veciños nas pasadas eleccións municipais. Os lucenses déronnos un apoio sen precedentes o 24 de maio, facendo que o PSOE acadase os mellores resultados da súa historia na provincia. A nosa responsabilidade e prioridade é centrar os nosos esforzos para seguir traballando conxuntamente dende todas as administracións e dar resposta ás necesidades dos nosos veciños, e contribuír á continuidade do proxecto socialista na provincia, en Galicia e no conxunto do Estado”, remata o manifesto.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com