251 familias se beneficiaron das axudas para a instalación de novos ascensores

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda concedeu axudas a 251 familias da provincia de Lugo para facilitar a instalación de ascensores, salvaescaleiras e outros mecanismos de accesibilidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Goberno galego destina 692.830 euros ao pago destas subvencións, que apoian a instalación de mecanismos de accesibilidade nas vivendas. Os abonos efectuaranse en dúas anualidades (2018-2019).

As axudas chegan a vivendas ou edificios emprazados en 15 municipios da provincia: oito concellos da Mariña (Mondoñedo, Foz, Burela, Ribadeo, Xove, O Valadouro, A Pontenova e Lourenzá); catro do sur lucense (Chantada, Monforte de Lemos, Quiroga e Ribas de Sil) e tres máis da zona centro (Lugo, Palas de Rei e Sarria)

Con carácter xeral, estas axudas cobren o 60% do custo da actuación, e poden empregarse para a instalación de novos ascensores en edificios residenciais colectivos e tamén en vivendas unifamiliares e vivendas tipo dúplex. Tamén son aplicables para a instalación de elevadores, salvaescaleiras e outros dispositivos que faciliten a accesibilidade entre os diferentes andares da edificación.

O delegado territorial subliñou que “estas axudas son compatibles con outras que se poidan conceder para o mesmo fin”, sempre que o importe conxunto das mesmas non supere o 100% do gasto.

No caso de edificios residenciais colectivos, os destinatarios das axudas son as comunidades de propietarios e, no caso das vivendas unifamiliares e dúplex, os propietarios. En todos os casos debe tratarse de persoas físicas.

Balseiro reiterou o compromiso da Xunta coa mellora da accesibilidade e, con ela, co aumento da calidade de vida, en especial das persoas maiores ou daquelas que teñen limitada a súa autonomía persoal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo