37 usuarios de AMEIS comezan a formación para acadar o permiso de conducir

A Deputada de Benestar, Sonsoles López Izquierdo, mantivo un encontro no Centro de Transformación para o Transporte cos 37 alumnos que comezaron esta semana a formación para acadar o permiso de conducir. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Asociación Magrebí Española para a Integración e Solidariedade (AMEIS), co apoio da Deputación, mediante a que persoas con dificultade na utilización dos idiomas oficiais da comunidade poderán acceder á formación en árabe.

López Izquierdo sinalou que “dende o Goberno da Deputación mantemos un firme compromiso por conseguir a plena igualdade entre os diferentes colectivos sociais que constitúen a nosa sociedade. Neste senso, a través desta iniciativa facilitamos que persoas que teñen máis dificultades para integrarse na comunidade e, polo tanto, en risco de exclusión social polo seu país de orixe, poidan acceder a unha formación que lles permita obter o permiso de conducir”.

Esta iniciativa diríxese a todas aquelas persoas que estean interesadas en acadar o permiso de conducir e que teñan dificultade na compresión oral e escrita. Dende a asociación, en primeiro lugar fórmanse grupos de traballo para aquelas persoas que non entenden o castelán, dándolles deste xeito unha formación básica. AMEIS conta cunha aplicación informática que explica os conceptos en árabe e na que esperan poder incluír outros idiomas. As clases son de carácter teórico co fin de que os alumnos aprendan coñecementos básicos da circulación para poder examinarse.

Ademais desta iniciativa, AMEIS realiza outro tipo de actividades co fin de favorecer a inserción laboral deste colectivo; un taller de pediatría e outro de xeriatría co obxectivo de dar coñecementos básicos, motivación, aprendizaxe e técnicas para que os alumnos poidan desenvolverse unha vez acabado o curso nun posto de traballo. Unha vez finalizados estes talleres os alumnos reciben uns certificados de asistencia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com