67 desfibriladores novos convirten a Lugo na cidade máis cardioprotexida do noroeste peninsular

O Concello de Lugo comezou hoxe coa instalación de 67 novos desfibriladores semiautomáticos en diversos puntos e edificios do municipio dentro do programa Lugo con Corazón. Unha iniciativa que a rexedora cualificou hoxe de “moi importante” xa que cre fundamental investir en salvar vidas.

“Queremos revertes as cifras actuais de falecementos por parada cardíaca en Lugo”, así o remarcou a rexedora da Capital esta mañá nunha rolda de prensa no edificio de servizos administrativos do Concello onde os ténicos instalaron o primeiro desta serie de desfibriladores novos que se porán en servizo tanto en zonas urbanas como no rural. Así, segundo sostivo a alcaldesa, Lugo rexistra 250 paradas ao ano e só o 20% das persoas que os sofren chegan con vida ao hospital debido á tardanza na atención.

Dos 67 desfibriladores que se colocarán, 47 serán en dependencias municipais da zona urbana e rural, dez en zonas exteriores como prazas públicas e parques, e outros dez para os vehículos da Policía e outros servizos de emerxencia, que tamén poderán ser solicitados de xeito puntual polos colectivos e entidades da cidade.

E é que malia que non é obrigatoria a instalación destes dispositivos, o Concello cre de “especial importancia” este investimento dado que a reanimación cardiopulmonar nos primeiros 3 a 5 minutos é imprescindible xa que eleva as taxas de supervivencia entre o 49 e o 75%.

A rexedora estivo acompañada pola concelleira de Benestar Social, Olga López; de Carlos González Juanatey, xefe de Cardioloxía do HULA; do presidente da Cruz Vermella en Lugo, Luis Abelleira, e do presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez.

Carlos González Juanatey, xefe de Cardioloxía do HULA, lembrou que no Estado se dan 50.000 paradas cardíacas ao día, das que 30.000 se producen fóra do ámbito hospitalario e, desas 1 de cada 3 é nun lugar público, “polo que hai que felicitar esta iniciativa do Concello de Lugo, que é transcendental para iniciar esa cadea de supervivencia”.

Juanatey destacou que co programa Lugo con Corazón, o municipio triplicará o cociente español do número de desfibriladores por habitante. Lembrou, así mesmo, que as paradas que se producen na rúa son presenciadas na maioría dos casos pola cidadanía, “por iso é tan importante  formar e concienciar á poboación”.

“Dende o Goberno Local  consideramos importante non só que haxa desfibriladores en espazos de traballo, educación, deporte e lecer, senón tamén a formación, tanto a do persoal municipal coma a de toda a sociedade, para o seu correcto uso e poder axudar de forma eficaz a salvar unha vida”, avanzou a alcaldesa, que explicou que os cursos que se levarán a cabo sobre manexo de desfibriladores para a cidadanía serán impartidos pola Cruz Vermella.

O presidente da Cruz Vermella,  Luis Abelleira, explicou que os cursos, dos que o Concello de Lugo informará proximamente, se desenvolverán en colaboración coa Federación de Veciños para chegar a canta máis poboación mellor.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com