8M, o día no que as mulleres pararon Lugo

Feminismo. Esa verba tan estraña que aínda rechina na cabeza dalgúns. Segundo a Real Academia Galega, o feminismo e unha “doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller”. E por iso, hoxe mesmo, as mulleres levántanse e fan folga. Folga laboral, para romper os teitos de cristal e poder cobrar o mesmo que os seus compañeiros; folga de consumo, para que as empresas sexan conscientes de son elas as que, maioritariamente fan a compra; folga estudiantil, para reclamar un ensino feminista, laico e público, que proporcione unha educación afectivo-sexual que permita rachar cos estereotipos sexistas que están na raíz da violencia machista e sexual; e folga de coidados, porque o fogar non é cousa só de mulleres, nin as crianzas, nin os maiores.

Hoxe, as mulleres paran Lugo. E fano, para acadar os dereitos que os homes lles arrebataron durante tanto tempo. Esta tarde, ás 20.00 horas, as mulleres sairán ás rúas de Lugo para berrar a quen as escoite que o mundo non pode seguir así.

As plataformas feministas animaron durante toda a semana ás mulleres a saír a rúa e a demostrar que parando as mulleres, párase o mundo. Asemade, aquelas que non puideran, por diferentes motivos, secundar a folga, tiñan a opción de pendurar das fiestras e balcóns, un mandil para amosar o seu apoio á folga deste 8M.

Actos institucionais

Os actos en torno a conmemoración deste día, xa deran comezo o pasado 3 de marzo coa manifestación unitaria que tivo lugar en Lugo, á que acodiron milleiros de mulleres de toda Galicia. Tamén esta mañá, a alcaldesa da cidade xunto á Concelleira de Igualdade, Ana González Abelleira, presidiron o acto de entrega dos premios Entre Mulleres que se lles outorgou ás activistas pola igualdade Paula Fraga e Krystal Ramírez e á Comisión de Igualdade da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo do premio Entre Mulleres 2019, en recoñecemento pola súa loita feminista desde distintos eidos.

A rexedora puxo en valor o feminismo como “o único instrumento real que temos para cambiar a realidade cara unha sociedade xusta, equitativa e igualitaria”, subliñando que “o futuro é o feminismo e a igualdade, o resto é pasado e involución”.

A pesares da súa participación en diversos actos, o equipo de goberno do Concello de Lugo decidiu hoxe apoiar a folga feminista, sen cobrar o soldo correspondente ao día de hoxe. Do mesmo xeito, as deputadas socialistas da Deputación de Lugo, tamén secundaron a folga.

Noutro senso, a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo participou na presentación do libro Pelea de Gallos, actividade que se enmarca na programación posta en marcha por Deputación e Concello: Mulleres con Forza.

Vilalba

A folga feminista en Vilalba comezou a primeira hora da mañá cun acto simbólico: vestir cun mandil o busto de Fraga Iribarne, na praza do Concello, onde se podía ler a súa frase de cando era ministro de Gobernación durante a Transición: “Que este exemplo sirva de lección a todo o país”, en alusión aos cinco traballadores asasinados polo fogo indiscriminado dos antidisturbios cando celebraban unha asemblea en Vitoria, o 3 de marzo de 1976.

Tal e como estaba programado, ás 12:30 partiu unha multitudinaria marcha formada por centos de mulleres dende a praza da Constitución que percorreu boa parte do rueiro da capital chairega. No caso vilalbés, o manifesto polo 8 de marzo, que se leu ao final desta primeira manifestación, tivo a particularidade de completarse cunha carta de Pilar Fernández López, a muller de Abeledo (Abadín) cuxos dereitos como persoa están a ser vulnerados polo concello. Este pequeno manifesto foi lido por Marisol Bravos López, que forma parte do colectivo Foro de Vida Independente, diante da ausencia de Pilar por motivos de saúde.

No escrito, explicouse que o goberno municipal de Abadín ordenou botar novas capas de asfalto na estrada que pasa xusto por diante da casa de Pilar, creando unha barreira arquitectónica que lle impide entrar e saír por si mesma do seu domicilio coa cadeira de rodas que precisa para moverse. Iso aconteceu antes de 2013, ano no que Pilar comezou a denunciar esta vulneración dos seus dereitos. Dende aquela, tras interpoñer todo tipo de recursos e queixas, mesmo diante da Valedora do Pobo, só obtivo o silencio administrativo e a indiferenza culpable do concello

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com