92 proxectos de empresas luguesas beneficiáronse do programa ReAcciona da Xunta

92 foron os proxectos de mellora da competitividade impulsados por 72 pemes da provincia de Lugo a través do programa ReAcciona. A achegas concedidas suman preto de 340.000 euros.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Administración autonómica vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da cuarta e última convocatoria desta liña de axudas correspondente a 2020, que supón a distribución de 128.000 euros entre 31 empresas lucenses para poñer en marcha 38 iniciativas de mellora.

Os beneficiarios do ReAcciona, que busca achegar as respostas que precisa o tecido empresarial no novo contexto da covid-19, accederán a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como a reorganización estratéxica e operativa dos seus negocios, a profesionalización, a dixitalización e a innovación.

Entre os proxectos aprobados destacan o asesoramento para o financiamento da innovación, a protección desta, a mellora da xestión financeira e procura de financiamento, a análise do potencial competitivo, a definición e implantación dunha estratexia de ciberseguridade para a peme e o asesoramento para o relanzamento comercial.

As axudas concedidas no marco das convocatorias do ano pasado foron destinadas a empresas de 25 concellos da provincia; 32 delas da capital luguesa e o resto da Mariña -Alfoz, Burela, Foz, Mondoñedo, A Pontenova, Ribadeo, O Vicedo, Viveiro e Xove- ; a Zona Sur -Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Sober e Folgoso do Courel -; a Terra Chá – Vilalba, Abadín e Guitiriz – e tamén de Meira, Pol, Sarria, Samos, Palas de Rei, Portomarín e Castroverde.

As empresas pertencen a distintos sectores, como o agroalimentario, servizos, comercio, industria, construción, hostalería, asesoramento, consultoría ou primeira e segunda transformación da madeira, entre outros. Entre as beneficiarias lucenses figuran dúas asociacións e unha fundación.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com