Lugo camiña cara unha ORA de balde

A primeira comisión técnica para a municipalización da ORA non arroxa grandes conclusións nin medidas definitivas, só unha serie de intencións e de obxectivos, aínda que si amosa unha clara coincidencia entre os partidos da oposición sobre o principal: unha zona azul de balde e de xestión pública municipal. O grupo de goberno foi o único que quixo manter o modelo de xestión anterior pero despois de varios intentos nadando a contracorrente acabou por aceptar a municipalización.

A rexedora, Lara Méndez, confirmou hoxe que a comisión está “buscando a gratuidade sempre que sexa tecnicamente viable e posible” e tamén adiantou os detalles do modelo no que se está traballando, que implica “buscar aparcadoiros disuasorios para que os lucenses non teñan que ir en coche a todos os lugares”, propostas que os grupos da oposición xa puxeron estes días enriba da mesa e que levaron á comisión. Méndez asegura que se vai prestar especial atención “ás zonas e puntos máis conflitivos en función de que haxa edificios administrativos ou zonas comerciais ou conflitivas de tráfico ou de seguridade”.

Para o PP, a comisión puxo en evidencia “a fraxilidade e a debilidade dun goberno municipal curtopracista sen proxecto de cidade”, que se viu “obrigado a claudicar” e a atender “as propostas da oposición en lugar de blindar os intereses dun sindicato e de pretender entregar novamente esta concesión a Vendex”, asegurou o edil popular Antonio Ameijide.

Mentres Lugonovo lembra que o sistema ORA “ten que ser sen coste para os cidadáns e que cumpra coa función para a que naceu: a de garantir a rotación dos vehículos”. “Unha Ora de pago, como a que tiñamos, só persegue un fin recadatorio e ó único que obriga é a renovar ó tiquet pero non a cambiar de sitio os turismos”, asegurou Santiago Fernández Rocha, o voceiro.

En declaracións a Lugo Si radio, o voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe, amosouse satisfeito de que “por fin hai boa vontade por parte do goberno municipal de abandonar a cabezonería de seguir tentando concederlle o concurso a unha empresa”. Portomeñe tamén concretou as propostas do seu grupo que, defende, a ORA ten que ser un servizo 100% público e directamente xestionado polo Concello.

O voceiro de ACE-EU tamén aposta pola gratuidade do servizo, “sen desbotar a posibilidade de que nalgunha zona moi concreta, por cuestións de saturación de tráfico e co obxectivo de desconxestionar, poida haber prazas de pago”, iso si, “sempre rotatorias, onde haxa tempo moi limitado para aparcar”. Portomeñe fala da necesidade de diferenciar varias zonas con diferentes condicións de estacionamento co obxectivo de que o funcionamento “sexa fluído”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com