Representantes da Deputación de Lugo, do Concello e da Asociación de Familiares Enfermos de Alzheimer de Lugo presentaron esta mañá as actividades que organizarán conxuntamente na cidade luguesa este mércores con motivo da celebración do Día Mundial do Alzheimer.
O presidente da Deputación, Darío Campos subliñou que “na provincia hai ao redor de 10.000 persoas que hoxe sofren esta enfermidade. O maior factor de risco para padecer Alzheimer é a idade. Se temos en conta a taxa de envellecemento da nosa provincia, en Lugo todo fai indicar que os casos irán a mais”. O presidente sinalou a necesidade de apoiar dende as administracións públicas ás familias que padecen esta enfermidade con investimentos para o seu coidado, para investigación ou para a concienciación da cidadanía.
“Quero por en valor o traballo dos coidadores, que habitúan ser os familiares e, especialmente, as mulleres, que deixan os seus oficios para adicar todo o seu tempo na imprescindible e especial atención destas persoas”, remarcou.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez chamou á participación dos lucenses nas actividades que se realizarán o vindeiro mércores pola visualización do Alzheimer, a primeira causa de demencia no mundo en persoas de máis de 65 anos, que afecta a unhas 600.000 persoas en España. “Para que algo sexa solucionado, ten que ser comprendido”, asegurou a rexedora, quen lembrou que se trata dunha doenza que, non só afecta ao diagnosticado, senón tamén ao entorno familiar.
Programación de actividades
Ás 17:30 horas.- Animación de maxia e mesas informativas sobre o alzheimer na Praza de San Marcos e arredores.
Ás 18:00 horas.- Presentación na Praza de San Marcos do vídeo realizado pola TIC sobre a enfermidade.
De 18:15 a 19:00 horas.- Conferencia Alimentación en la Enfermedad de Alzheimer no salón de actos da Deputación.
19:00 horas.- Actuación de maxia na sala de exposicións da Deputación dos magos Antón e David Méndez.
Ás 20:00 horas.- Proxección da película Arrugas na sala de exposicións da Deputación. A longametraxe, do director Ignacio Ferreras, foi gañadora de 2 premios Goya, a mellor película de animación e mellor guión adaptado.