O voceiro municipal, Miguel Fernández, falou hoxe acerca da alerta por seca que xa se extende nalgún concello da provincia. Fernández asegurou que aínda que o problema”é importante”, ao Concello de Lugo non lle afecta en gran medida, “salvo nalgunha vivenda illada no rural”.
O voceiro municipal aseverou que o abastecemento de auga na cidade de Lugo estaba asegurado pese á escaseza en certos manantiais. En canto ás solucións, o Concello propón cumprir coas recomendacións de uso responsable da auga tanto a nivel municipal na limpeza das rúas e nos regadíos como a nivel veciñal; pero polo de agora nin establecerán cortes no subministro nin porán a traballar o depósito co que conta o Concello en Penarrubia.
“Que controlen Calde”
O voceiro municipal aproveitou tamén para responder ás denuncias feitas onte polo edil o PP, Manuel López, quen asegurou que había numerosos verquidos incontrolados de augas fecais no río Miño ao carón da captación da depuradora. Neste eido, Fernández asegurou que o Concello é coñecedor desta situación e está a traballar para solventala. De paso, o voceiro municipal lanzou a pelota ao tellado dos populares e lles pediu que foran “a controlar os verquidos do Hospital de Calde”, centro sanitario dependente da Xunta.