Xornalistas de China visitan Galicia e promoción do Camiño Norte en Alemaña

Turismo de Galicia continúa a promover a oferta turística da comunidade galega no ámbito internacional, neste caso coa organización de dúas viaxes de familiarización nas que participan dous xornalistas chineses e outro procedente de Alemaña.

Na primeira destas viaxes, organizada en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Guangzhou e o Instituto Español de Comercio Exterior, ICEX, dous xornalistas procedentes da provincia chinesa de Cantón, visitarán as Rías Baixas e varias empresas de produtos relacionados co mar así como unha adega da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas.

Así mesmo, na súa estadía na comunidade galega, os xornalistas chineses visitarán no día de hoxe a empresa produtora de algas Portomuiños e achegaranse a Vilagarcía de Arousa e a adega da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Ademais, visitarán a sede do Consello Regulador do Mexillón de Galicia e desprazaranse ata Cambados para visitar unha fábrica de conservas. Por último, estes xornalistas asiáticos farán unha completa visita ao porto de Vigo.

Pola súa parte, o xornalista procedente de Alemaña Juan Ramón García, realizará un percorrido en bicicleta polo Camiño do Norte na Mariña Luguesa. Ademais visitará a cidade de Santiago de Compostela, nunha viaxe organizada tamén por Turismo de Galicia.

Deste xeito, este xornalista alemán realizará as etapas do Camiño do Norte comprendidas entre Ribadeo e Mondoñedo, Mondoñedo-Vilalba e Arzúa-Santiago de Compostela. Juan Ramón García contará a súa experiencia en Galicia nunha reportaxe na revista Ecos de España que se edita en Alemaña para os alemáns interesados na cultura e a lingua españolas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com