A Vicepresidencia da Deputación reivindica a oficialidade do Día de Rosalía con 30 actividades

Máis dunha trintena de actividades culturais encherán o Mes de Rosalía, unha programación organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo arredor da data de nacemento da escritora de Padrón, o 24 de febreiro.

Durante a segunda quincena de febreiro e o mes de marzo, desenvolveranse recitais poéticos, representacións teatrais, actuacións musicais e intervencións artísticas co fin de ampliar o coñecemento e por en valor a vida e obra da autora, “referente necesario na procura de dignidade para a lingua e a cultura galegas e na defensa do papel das mulleres na sociedade”.

A vicepresidenta do Executivo Provincial, animou “a todos os concellos, entidades e colectivos a sumarse á celebración do Día de Rosalía, neste e en vindeiros anos, para acadar o recoñecemento oficial desta data”. Na presentación participaron o escritor Antonio Reigosa, da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e Montse González, responsable do Servizo de Normalización Linguística da Deputación de Lugo, que contribuíron a artellar a  programación e coordinarán cadanseu recital poético.

O sábado 22 de febreiro, ás 13:00 horas, a AELG realizará no Parque de Rosalía de Lugo  a tradicional lectura popular da obra de Rosalía, á que poderán sumarse todas as persoas que o desexen. Antes, lerase un manifesto asinado polo escritor Daniel Asorey centrado no fénomeno da emigración e do que signifou para Galicia.

O venres 28 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Deputación de Lugo, celebrarse un acto poético musical coa presenza de 23 poetas que lle porán voz a poemas de Follas Novas e Cantares Galegos e recitarán versos da súa propia autoría sobre temáticas abordadas por Rosalía de Castro. A cantautora Paloma Suances acompañará o acto con varias pezas musicais.

Durante o Mes de Rosalía, dúas montaxes teatrais xirarán polos concellos da provincia. Unha delas será  Rosalía de Culturactiva, unha montaxe para público familiar que recrea parte da infancia da escritora e que se está a estrear en toda Galiza. A primeira representación será o sábado 15 de febreiro ás 18:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

A outra produción que poderá verse en distintos escenarios da provincia ao longo das vindeiras semanas será A pluma viva de Rosalía dos Quinquilláns, unha obra sobre igualdade e liberdade a partir dos textos da poeta de Padrón baseada nun feito real de censura da súa obra.

Música no Pazo de San Marcos

Zoelas, Paloma Suances, Faia, Xoana e García MC completan o elenco de
actuacións musicais que se desenvolverán durante o Mes de Rosalía, no
Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

Grafiti nos colexios

O graffiti será o outro elemento da oferta cultural do Mes de
Rosalía.Otro Prisma e Concepto Circo realizarán intervencións artísticas
en doce colexios da provincia.

Ademais, o 6 de marzo, o Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá
unha proxección de audiovisuais realizados en centros escolares arredor
do Día de Rosalía, na que a pintura mural tamén terá protagonismo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com