2 falecidos e 39 feridos en estradas provinciais no que vai de ano

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que o ano pasado produciuse un descenso no número de vítimas mortais nos accidentes de tráfico rexistrados nas estradas da provincia, pero expresou a súa preocupación pola tendencia á alza no que levamos de 2022. A subdelegada reuniuse co xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez, e o capitán do subsector de Tráfico da Garda Civil, José Miguel Martínez, para analizar a evolución da seguridade viaria na provincia.

Isabel Rodríguez informou de que 2021 rematou con 11 persoas falecidas en accidentes de circulación na rede viaria da provincia, o que marcou o segundo mellor rexistro da serie histórica, pero advertiu de que a tendencia este ano é negativa, pois no mes de xaneiro perderon a vida 2 persoas en estradas lucenses. En ambos casos foron saídas da vía, que se converteu durante os últimos anos no tipo máis frecuente de accidente mortal.

A subdelegada fixo un chamamento á prudencia dos condutores á vista do aumento nos sinistros de tráfico no que levamos de ano. Ata o día 8 de febreiro rexistráronse na provincia 28 accidentes con vítimas, nos que 8 persoas sufriron feridas que precisaron hospitalización e 31 resultaron feridos de menor gravidade.

En canto ás causas destes sinistros, a velocidade e as distraccións seguen a ser os principais factores dos accidentes con vítimas. Tamén se constatou que a condución baixo os efectos do alcol causou tres saídas da vía, un deles ademais en combinación con drogas.

As distraccións e a velocidade excesiva e inadecuada volveron ser en 2021 os principais factores para perder a vida na estrada, concorrendo respectivamente no 36% e o 45% dos 11 accidentes mortais da provincia, con igual número de falecidos. Tamén é moi preocupante a influencia do cansazo e a somnolencia, con cifras similares á distracción e a miúdo asociados a ela.

Os datos reflicten un descenso continuado no número de vítimas mortais desde as 20 que se rexistraron en 2018, e marcaron o segundo mellor rexistro da serie histórica.

A cifra de feridos hospitalizados, 39, é inferior á dos dous anos anteriores, 47 en 2020 e 49 en 2019. Así mesmo, resultaron feridas 317 persoas de menor gravidade.

A cifra de vítimas vulnerables apártase, con todo, da tendencia descendente xeneral, con 5 persoas falecidas: dous peóns, un ciclista e dous motociclistas, superior ás 4 do ano pasado, aínda que por baixo das 10 vítimas mortais de 2019.

Unha das tendencias máis preocupantes é que seguen falecendo, ano a ano, peóns atropelados nas estradas da provincia: 2 en 2021, que coincide coa media dos cinco últimos anos. Ademais outros 18 resultaron feridos.

Por tipoloxía, o accidente mortal máis frecuente foi a saída da vía (73%) seguido do atropelo (18%). Máis do 90% producíronse en estrada convencional.

En canto á idade das vítimas mortais, tivo especial representatividade o segmento de persoas entre 45 e 54 anos, que supuxeron o 45%, cifra tamén superior á de anos anteriores (35% en 2019). O grupo de maiores de 75 anos, en cambio, tivo menos peso estatístico nesta ocasión, co 9%, valor inferior á media dos últimos 5 anos, e non se rexistraron vítimas mortais entre 65 e 74 anos, aínda que é necesario valorar os datos a máis longo prazo antes de confirmar unha modificación da tendencia, tendo en conta que durante os catro anos anteriores (2016-2020) a suma de ambos os grupos de idade oscilou entre o 20% e o 34% do total.

Por época do ano, o peor mes foi xuño, xa que se rexistraron 4 falecidos (36%), seguido de setembro, con 3 (27%). En xullo e agosto non houbo vítimas mortais nas estradas da provincia, aínda que agosto e setembro foron os meses con máis accidentes con feridos. Desde hai anos obsérvase unha concentración das vítimas mortais nos meses de primavera e sobre todo no outono.

Se aos accidentes mortais lles sumamos os que ocasionaron feridos hospitalizados, as distraccións foron, con diferenza, a primeira causa: estiveron presentes no 35% destes sinistros, seguidos da velocidade excesiva ou inadecuada, que interveu no 22% dos casos, poñendo de manifesto que os excesos de velocidade, por si sos ou en combinación con outras causas, teñen moito que ver na gravidade das consecuencias do accidente.

Séguenlle, no total de accidentes mortais e graves, as infraccións en materia de prioridade de paso, con case o 20%, e tamén o cansazo ou soño. E o alcol aínda interveu en algo máis dun 8%, a pesar de que o avance na concienciación do risco que supón na vía foi moi notable nos últimos anos.

Por último, respecto a a utilización de elementos de seguridade, cabe destacar que durante o últimos cinco anos non faleceu ningún ciclista nin motociclista sen facer uso do casco, mentres que se rexistrou unha vítima mortal en turismo que non levaba posto o cinto de seguridade, valor igual ao de 2019.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com