Entrega dos Premios da Cultura Galega

Esta tarde tivo lugar en Lugo a entrega dos Premios da Cultura Galega, aos que asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez. Rueda felicitou os recoñecidos no día grande da cultura galega e destacou os grandes éxitos que están a colleitar os autores en diferentes disciplinas no panorama nacional e internacional.

O titular do Goberno galego aproveitou o evento para render homenaxe ao recentemente falecido Salvador García Bodaño, e chamou a atención sobre a profunda pegada que os protagonistas do rexurdimento cultural galego deixaran nas diferentes formas de expresión artística, cunha especial ligazón entre autores e sociedade, polo que falou dun “milagre galego” que abrangue tamén ao sector cultural, que supón un 3 % do PIB e un 3,2 % do emprego, e que desde o ano 2011 medrou un 65 % ao pasar de 21.400 traballadores aos 35.400 que agora operan nas diferentes actividades culturais, o que sitúa a Galicia como a quinta Comunidade autónoma en canto a profesionais da cultura.

O presidente da Xunta felicitou os autores, agrupacións ou grupos de traballo recoñecidos nos Premios da Cultura Galega por engrandecer esa herdanza recibida.No caso de Marica Campo, por achegar as palabras que conectan coa mocidade transmitindo valores de feminismo, ecoloxía e solidariedade.
A María Victoria Carballo-Calero pola súa constante investigación e a súa divulgación sen acougo sobre as diferentes maneiras que ten o pobo de xerar cultura.
A Melania Cruz pola súa particular visión de Galicia no teatro e no audiovisual.
Aos membros de Música en Compostela por unha galeguidade que leva 64 anos difundindo o patrimonio musical mediante concertos, simposios, recitais, edicións de
partituras e libros especializados.
A Xosé Ramón Gayoso por facer do programa Luar un sinónimo de amizade e ocio por riba de modas para chegar a todos os públicos.
A Manuel González González por ser un dos artífices da normalización da lingua en todos os ámbitos, cun incansable labor que abrangue a sociolingüística, a lexicografía, a
terminoloxía ou a xeografía lingüística.
A Xacarandaina por 40 anos de traballo na procura dos alicerces da cultura e polos espectáculos nos que os recupera e os espalla.
Ao programa ConCiencia polo labor no eido científico proxectando unha imaxe internacional da ciencia na Comunidade e polo intercambio de experiencias con
eminencias de todo o mundo en diferentes disciplinas científicas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com