O Concello de Lugo, a través da Área de Cohesión Territorial que dirixe Ana González Abelleira, inicia a campaña contra a proliferación da avespa velutina co reparto ou colocación de artefactos de trampeo profesional entre a poboación que así o demande. O Servizo de Protección Civil está a distribuir 2.500 trampas concentrando os esforzos na contorna rural onde se aglutinan a maior parte dos enxames, xa que existen determinadas especies como as camelias ou as árbores froiteiras que resultan un reclamo para a especie e, por tanto, os cebos son máis eficaces nestes lugares.
González Abelleira sinalou que “se trata dunha medida pensada para favorecer a erradicación desta praga, que está a prexudicar gravemente á autóctona e xera situacións de alarma entre a poboación pola súa rápida proliferación. Se ben o traballo municipal levado a cabo coa colaboración da Protección Civil nos pasados anos está a supoñer un importante avance no control, ante a a inacción da Xunta é necesario que desde o Concello, coa colaboración da veciñanza, sigamos asumindo este labor primavera tras primavera”.
Os novos artefactos están certificadas e contan con varios orificios de entrada cubertas cun túnel de concentración de cheiros que evita o escape dos insectos atrapados. Dispoñen dun sistema para o baleirado e outro de ancoraxe para colocalas en altura. Así mesmo, o líquido atraínte para vespa velutina que serve como cebo contén unicamente estratos de plantas e está formulado para non atraer ás abellas, cumprindo así os máis altos estándares medioambientais. “As vespas capturadas morren nestes dispositivos e son recollidas e almacenadas en recipientes herméticos que son transportados polo Servizo municipal de Protección Civil para a súa posterior xestión ambiental cumprindo de forma estrita a normativa”, dixo a edila.
Dende a Área de Cohesión Territorial, lembran que non debe render o pánico cando se detecta a aparición dun niño, pois está comprobado que, de non padecer unha alerxia especial, as avespas velutinas non teñen por que ser máis perigosas que unha avespa normal, pero si máis agresivas, polo que sempre se recomenda gardar as distancias e chamar ao Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 da Xunta de Galicia.