O Concello de Lugo aprobou esta mañá en Xunta de Goberno a adxudicación dunha nova rotonda na intersección entre Afonso X O Sabio e a Rolda de Fingoi.
A intersección da rúa Alfonso X coa Rolda de Fingoi é na actualidade un cruce regulado por semáforos no que conflúen viais de similar intensidade de tráfico. No aspecto visual é un espazo espido, en contraste co bulevar da Rolda de Fingoi, e de dimensións demasiado altas para ó tráfico que soporta.
Con esta actuación, o Goberno de Lugo busca eliminar os semáforos creando unha rotonda axardinada, e redeseñando as entradas para garantir a seguridade dos peóns e manter a continuidade da rúa. Adaptarase o alumeado ó novo deseño, avanzando na implantación de alumeado LED e modificarase a rede de saneamento para garantir a correcta drenaxe da intersección.
Asemade a Xunta de Goberno aprobou tamén a apertura do procedemento de licitación da humanización do Carril das Flores, despois de iniciarse a semana pasada o procedemento da pasarela.
O Carril das Flores converterase nunha plataforma única con zonas de tránsito peonil e para os vehículos que saian do aparcamento ben diferenciadas. O pavimento será de formigón e a nova rúa contará con espazos axardinados e bancos. Renovarase todo o alumeado da vía, soterrando as canalizacións e ampliando a rede.
Renovarase tamén o sistema de drenaxe, instalando unha canaleta lonxitudinal que recolla toda a auga superficial da calzada, dado que a pendente da zona non permite a colocación de drenaxe oculta. Ademais, renovaranse as canalizacións de saneamento e a rede de abastecemento, onde se elimina o PVC e se instalará fundición dúctil con novas bocas de rego e incendio, ademais de rego automaático nas zonas verdes proxectadas.
Imaxe: Google Maps.