A Dirección Xeral de Tráfico e a Garda civil intensifican a vixilancia da seguridade viaria en Xermade

A Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo e o Subsector de Tráfico da Garda Civil poñen en marcha un Plan de intensificación da vixilancia viaria no concello de Xermade, que suporá a ampliación da presenza policial en todas as estradas do termo municipal. Esta decisión responde ao aumento da sinistralidade rexistrado en Xermade no que vai de ano. O municipio pasou de ser unha zona de baixa incidencia a concentrar case un terzo dos accidentes mortais ocorridos nas vías interurbanas da provincia de Lugo. En total, producíronse seis sinistros graves, con cinco persoas falecidas, sete feridas graves e unha leve. Entre as causas máis habituais atópanse as distraccións ao volante e a velocidade inadecuada, con accidentes como colisións frontais, saídas de vía e envorcos.

O dispositivo inclúe patrullas activas a diario, controis de velocidade con vehículos uniformados e camuflados, probas de alcol e drogas e unha atención especial a condutas de risco como os adiantamentos antirregulamentarios ou o uso indebido do teléfono móbil.

Ademais, os axentes poderán propoñer revisións psicofísicas extraordinarias para aqueles condutores que non presenten as condicións necesarias para exercer a condución, e reforzarase a protección de usuarios vulnerables como ciclistas e peóns.

A Xefatura Provincial de Tráfico e a Garda Civil fan un chamamento á responsabilidade de todos os condutores para axudar a frear esta tendencia e evitar novas perdas humanas, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria en Xermade e na provincia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com