Na madrugada da fin de semana, a Policía Local de Lugo levou a cabo unha intervención de urxencia nun establecemento de lecer nocturno situado na Praza de Augas Férreas, onde se detectaron graves infraccións en materia de seguridade que poñían en risco concreto e inminente a integridade física das persoas congregadas.
O operativo iniciouse tras unha chamada ao 092 alertando dunha situación preocupante no acceso ao devandito local. Acudidos os axentes, comprobouse a presenza de centos de mozos tanto no interior do local como apiñados no exterior esperando para acceder, situación que xeraba gran inseguridade entre os presentes e que obrigou a impedir o acceso a máis persoas e desaloxar progresivamente o interior para garantir a seguridade colectiva.
No semisótano do local, concentrábanse decenas de persoas sen posibilidade de evacuación fluída, cunha única escaleira de acceso e saída completamente saturada, o que podería xerar un episodio tráxico en caso de emerxencia. Observouse, ademais, que o espazo dispoñible estaba aínda máis reducido pola presenza dunha mesa de DJ mal situada no seu interior, e que non se contaba con medidas organizativas suficientes, nin persoal de seguridade capacitado para xestionar tal aglomeración.
Durante a inspección, púidose constatar que o evento fora promocionado mediante a venda anticipada de entradas entre o alumnado da Facultade de Veterinaria, detectándose presuntamente numeracións superiores ás 350 entradas vendidas para un local con aforo máximo autorizado de 198 persoas, segundo a licenza de actividade.
Esta situación non só desbordou ao propio establecemento, senón que provocou a invasión da vía pública por parte dos asistentes, obrigando á Policía Local a establecer un operativo de regulación na contorna para evitar accidentes, xa que varios mozos permanecían na calzada consumindo bebidas fornecidas desde o propio local en vasos de plástico, unha práctica non autorizada, carente de control, que foi denunciada.
Ademais, o persoal do local obstaculizaba o acceso con mesas improvisadas, dificultando as vías de entrada e saída e aumentando os riscos. Durante a inspección solicitouse a documentación correspondente a terrazas e actividade, sen que o responsable do local puidese presentar ningunha autorización válida no momento.
Coa intervención das distintas unidades de Policía Local, evitouse unha situación de consecuencias maiores, priorizando en todo momento a seguridade dos asistentes e aplicando os principios da Lei 10/2017, de Espectáculos Públicos de Galicia, para suspender o acceso e promover o desaloxo inmediato do local en aras da seguridade persoal dos presentes.
En aplicación da citada lei, que obriga aos organizadores e titulares de establecementos a garantir a seguridade do público asistente, formularanse as correspondentes propostas de sanción polas graves infraccións detectadas, entre as que destacan:
- Exceso de aforo.
- Insuficiencia nas medidas de evacuación.
- Ausencia de documentación.
- Venda de entradas.
- Facilitar o consumo de bebidas no exterior do local.
- Ocupación da vía pública con risco para a circulación.
- Obstrución de accesos/saídas do establecemento.
Fotografía: Imaxe arquivo control Policía Local de Lugo.