O Partido Popular ven de comunicar que a A-54 entre Lugo e Santiago seguirá con tramos a 100Km/h, xa que o Goberno do Estado non contempla aumentar a limitación a 120km/h neses treitos.
Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- formularon preguntas por escrito ao Goberno de España facéndose eco das queixas dos condutores que empregan habitualmente esta vía obrigados a circular a unha velocidade inferior da habitual.
“A resposta do Goberno limítase a indicar que a limitación da velocidade -unha excepción ao límite habitual para autovías e autopistas en España- se deriva da normativa vixente de trazado do Ministerio de Transportes y Mobilidade Sostible, non é unha medida da Dirección General de Tráfico (DGT)”, apuntan.
Os populares tamén explican que “o Goberno non aclara se ten previsto realizar algunha obra ou corrección no trazado para recuperar unha autovía con plenas capacidades”, o que, ao seu xuízo, demostra “falta de vontade e conformismo” do Ministerio cunha situación que está a xerar malestar e incomprensión por parte dos usuarios que vén condicionado o uso habitual desta autovía.
Asemade os senadores populares lembran que “ás limitacións impostas nos tramos en funcionamento, hai que engadir que o Goberno de Sánchez non foi capaz de cumprir ningún dos prazos prometidos para finalizar esta autovía, o último deles superado o verán, cando o propio Ministro prometera e incumpriu completar a vía que unirá a capital da nosa provincia coa capital de Galicia”.